InicioCulturaO Museo do Prado recupera unha pintura de Giovanni Migliara cedida ao...

O Museo do Prado recupera unha pintura de Giovanni Migliara cedida ao Concello do Porriño en 1929

O museo nacional procedeu a levantar o depósito para volver expor a pintura nas súas salas do século XIX.

PUBLICADO O

O cadro ‘A prisión de Francisco I’, do artista italiano Giovanni Migliara (s.XVIII-XIX), volveu esta semana ao Museo do Prado, tras máis de 90 anos colgado nunha das paredes das antigas oficinas de Alcaldía do Concello do Porriño.

Segundo informaron fontes municipais, un equipo técnico enviado polo museo retirou a pintura, que forma parte do grupo de obras coñecidas como ‘o Prado disperso’ (en alusión ás obras cedidas pola pinacoteca por falta de espazo nas súas instalacións) e trasladouna a Madrid.

Este cadro foi cedido ao Concello do Porriño o 11 de decembro de 1929 e estivo colgado nunhas das paredes das antigas dependencias de Alcaldía desde entón.

A partir de 1980, o Prado comezou unha revisión dos depósitos feitos para verificar que as obras cedidas permaneceron nos lugares e institucións que figuraban nos seus arquivos, e para coñecer o seu estado de conservación.

No caso deste óleo de Migliara, o museo procedeu a levantar o depósito para volver expor a pintura nas súas salas do século XIX. Antes diso, o cadro pasará por un proceso de ‘posta a punto’ por parte dos restauradores do Prado, aínda que presenta un bo estado de conservación.

‘A prisión de Francisco I’ recrea o encarceramento do antigo rei de Francia na Cartuxa de Pavía, tras ser derrotado polo emperador Carlos I en 1525. Segundo os rexistros do Museo do Prado, foi pintado cara a 1825 e adquirido pola raíña María Cristina de Borbón, antes de que se incorporase aos fondos do museo.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...