InicioCulturaO Festival de Cans presenta unha edición "segura" con aforamentos restrinxidos e...

O Festival de Cans presenta unha edición “segura” con aforamentos restrinxidos e medidas ‘antiCOVID’

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, agradeceu á organización a súa "aposta polo noso" neste festival, que forma parte da marca Rías Baixas Filme Festival, creada coa administración provincial.

PUBLICADO O

A organización do Festival de Cans presentou este martes a XVII edición do certame, que se celebrará no Porriño (Pontevedra) do 2 ao 5 de setembro, con medidas de seguridade ‘antiCOVID’ e aforamentos restrinxidos, nun acto no que tamén participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, entre outras autoridades.

Os responsables da Asociación Cultural Arela, organizadora do certame, destacaron na presentación que, debido á crise sanitaria pola pandemia de coronavirus, deuse prioridade á seguridade, con accesos restrinxidos e aforamentos limitados. Así, ademais dos asistentes, o Festival quere que os veciños, algúns de idade avanzada, que participan no festival, tamén estean “protexidos”.

Por iso implementouse un “escudo protector” para os maiores, reduciuse a catro persoas a capacidade dos ‘chimpíns’ e rebaixáronse tamén os aforamentos nas proxeccións e actuacións, entre outras medidas.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que este evento “é un gran proxecto capaz de sumar vontades e de facer país”, e eloxiou a “valentía” do equipo organizador por manter esta cita imprescindible do audiovisual galego. “O fácil fose deixarse caer”, constatou.

Na mesma liña, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, agradeceu á organización a súa “aposta polo noso” neste festival, que forma parte da marca Rías Baixas Filme Festival, creada coa administración provincial.

Pola súa banda, a alcaldesa do Porriño, Eva García da Torre, puxo en valor que o Festival de Cans é “unha iniciativa única en España” e a súa celebración, dadas as actuais circunstancias, supón “un triunfo da vontade”.

NOVIDADES

Un total de 25 curtametraxes e 15 videoclips competirán nesta edición nas diferentes seccións do festival, que este ano conta con dúas novas categorías: ‘Novas camadas’, dedicada a cineastas debutantes, e ‘Directrices’, para obras dirixidas por actores e actrices que deron o paso de porse detrás das cámaras.

Entre as estreas absolutas que poderán verse en Cans destaca o curto de animación ‘Reality’, de David Fidalgo, finalista nos últimos Premios Goya; ou ‘Fillos do Cordo’, Borja Santomé, premiado no Festival de Cans de 2018.

Ademais destes títulos, proxectaranse outros traballos, como ‘Blacks and whites’, da coruñesa Anita Pico, que foi seleccionada nun proxecto de novos cineastas impulsado pola BBC británica.

O certame abrirase coa proxección de ‘A illa das mentiras’, de Paula Cons, cuxas entradas xa están esgotadas, e apenas quedan xa billetes para as proxeccións de tarde e da sección oficial. Tamén están á venda as entradas para sesión matutina do sábado, que contará co aliciente dun coloquio co cineasta Oliver Laxe.

Nesta edición de 2020 será necesario comprar as entradas por anticipado ou o rexistro previo nas actividades, e só poderán usar o bus a Cans as persoas que dispoñan de entrada (o 31 de agosto péchanse o despacho de billetes e o rexistro).

Ademais das películas e videoclips, a oferta completarase con coloquios e concertos, e renderase homenaxe a Chano Piñeiro, no 25 aniversario do seu falecemento.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...