A UVigo afonda na figura de Carvalho Calero na conmemoración das Letras Galegas

No acto virtual participarán María Victoria Carballo-Calero, Camiño Noia, Aurora Marco e Pilar García Negro.

Ricardo Carvalho Calero. / Xunta.

A suspensión da actividade presencial nos campus por mor da crise da COVID-19 non impedirá que, como é habitual, a Universidade de Vigo celebre o Día das Letras Galegas, que neste 2020 se dedica ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero. Afondar, desde diferentes perspectivas, na figura e traxectoria do homenaxeado será de feito o obxecto central do acto virtual que a institución académica desenvolverá este venres ás 12.00 horas e que poderá seguirse a través do Campus Remoto e de UVigoTV.

Organizado pola Área de Normalización Lingüística (ANL), nel intervirán a profesora emérita do Departamento de Historia Arte e Xeografía e filla do escritor, María Victoria Carballo-Calero, a tamén profesora emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, a que fora catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela Aurora Marco, e a filóloga, ex-deputada autonómica e ex-docente da Universidade da Coruña Pilar García Negro.

“A Universidade ten un compromiso social e unha responsabilidade en todo o que ten que ver coa promoción da lingua galega, que non pode ser allea ao Día das Letras Galegas”, subliña Fernando Ramallo, director da ANL. De aí que a Universidade optase por sumarse, dous días antes, á conmemoración do 17 de maio cun acto “diferente aos doutros anos, un acto virtual que esperemos que sexa atractivo”, e que poderá seguirse en directo a través da rede.

En anos anteriores, lembra Ramallo, este acto de celebración servía tamén como marco para a entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade de Vigo, mais neste 2020 a situación xerada pola COVID-19 obrigou a interromper ata novo aviso o prazo de admisión de propostas. Deste xeito, o acto deste venres “estará centrado exclusivamente na figura de Carvalho Calero, nas súas achegas lingüísticas e literarias, pero tamén na súa contribución política”, salienta Ramallo.

CARVALHO CALERO DESDE DIFERENTES PERSPECTIVAS

Este acto do Día das Letras Galegas abrirase coa intervención do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que se verá precedida da proxección en vídeo da primeira das interpretacións musicais que para este acto prepararon o acordeonista David Álvarez Caneda e a fagotista Zeltia Augusta Pino, estudantes ambos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés.

A continuación, a abordaxe da traxectoria do homenaxeado abrirase coa intervención en vídeo da catedrática de Historia e Arte Contemporánea María Victoria Carballo-Calero lembrando a figura do seu pai. Tralas súas achegas, celebrarase unha mesa redonda, moderada por Ramallo, que contará coas intervencións en streaming da catedrática de Lingua e Literatura galega Camiño Noia e da tamén profesora Pilar García Negro, editora do libro Ricardo Carvalho Calero: A ciencia ao servizo da nación. A elas sumaranse as achegas, previamente gravadas en vídeo, de Aurora Marco, autora do recentemente reeditado libro Foula e ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1910-1941), no que analiza o período de formación do que fora catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC.

Deste xeito, este acto virtual reunirá tres expertas “que nalgúns casos tiveron unha relación intensa con Carvalho Calero, e que polo tanto tamén nos poden falar da súa experiencia persoal con esta figura”, como salienta Ramallo, que sinala que un dos obxectivos do acto é afondar na figura do homenaxeado, tratando de pór o foco en aspectos menos coñecidos do filólogo e escritor. “A idea é que destaquen o que consideren da figura académica, intelectual e política de Carvalho Calero, da súa obra e da súa relevancia na sociedade galega”, engade o director da ANL.

Deste xeito, o seu propósito é que na mesa poidan abordarse tanto as súas contribucións en materia literaria e lingüística como a súa “formación intelectual e política”, de tal xeito que este acto dea resposta a esa “responsabilidade” da institución de “contribuír a que a sociedade coñeza mellor a figura da persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas; un autor, engade Ramallo, “sobre o que hai que seguir debatendo e sobre o que hai que seguir abrindo novos fíos e novas portas”. 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here