Máis de 250 curtametraxes competirán na 17ª edición do Festival de Cans

Celebrarase do 19 ao 23 de maio.

Festival de Cans / © Miguel Núñez.

A organización do Festival de Cans pechou xa o prazo de recepción de curtametraxes para a edición deste ano, a décimo sétima, que se celebrará do 19 ao 23 de maio, e recibiu 251 obras, que competirán nas catro seccións oficiais do concurso.

Segundo informou o Festival, das obras inscritas, 88 aspiran a entrar na selección final da categoría de ficción, 45 na categoría ‘Furacáns’ (traballos de non ficción), 10 curtametraxes no apartado de animación e 85 videoclips. Por outra banda, presentáronse outros 23 traballos no apartado doutras obras, entre os que hai documentais, webseries e longametraxes.

As obras presentadas son traballos de realizadores galegos ou de cineastas de orixe galega que desenvolven o seu traballo noutros países como Francia, Portugal, Reino Unido, Italia, Suecia, Estados Unidos, Ecuador, Arxentina, Líbano ou Palestina. A organización do certame traballa agora no visionado e selección das obras que poderán verse nos ‘jalpóns’ do festival de Cans e entrarán en competición.

Unha das principais novidades da edición deste ano é a ampliación dos días de programación, que pasa de catro a cinco xornadas, e tamén se aumentará a contía total dos premios. Na 17ª edición repartiranse 9.100 euros entre as distintas categorías.

Por outra banda, a Asociación Cultural Arela, que organiza o festival, lembrou que segue en marcha a campaña ‘Apadriña un jalpón’, para buscar patrocinios privados de empresas. As entidades que queiran apoiar o festival poden conseguir, a cambio, unha gran visibilidade grazas a un evento cultural no que se reúnen cada ano unhas 15.000 persoas.