Unha radiografía do país a través da mirada dos fotógrafos non galegos

Foron moitos os fotógrafos estranxeiros que viron en Galicia as xeografías e as identidades precisas para desenvolver os seus proxectos. Aquí vai unha recompilación dos tantos que chegaron dende diferentes partes de Europa e das súas imaxes máis icónicas ao longo do país.

Cristina García Rodero.

Ao longo do tempo Galicia foi vista a través dos ollos dunha manchea de fotógrafos e fotógrafas que chegaron dende diferentes puntos do mundo chamados pola riqueza etnográfica do noso territorio. Ruth Matilda Anderson, Gustav Henningsen, Walter Ebeling… son algúns dos nomes dunha longa listaxe de retratistas que viron neste país un universo identitario e cultural digno de capturar coas súas cámaras fotográficas. Percorreron as aldeas e vilas dunha punta a outra detendo o tempo en milleiros de instantáneas que hoxe explican a historia de todo un pobo.

Tráennos á memoria a realidade do século XIX e do século XX, as vidas dunha Galicia que aínda non coñecía a modernidade. Unha Galicia amplamente rural onde os traballos artesáns e colectivos ocupaban os tempos de luz, onde as mulleres cargaban con todo na cabeza e onde as miradas falaban sen palabras. Todas estas imaxes son a radiografía dun lugar e dun tempo a través dos ollos alleos que pousaron sobre a nosa xeografía. Estes fotógrafos atoparon aquí as composicións precisas para decidir enfocar os seus obxectivos e, clack!, premer o boton do disparo. Velaquí vai toda unha andaina identitaria!

RUTH MATILDA ANDERSON (1893 – 1983)

Quizais sexa a máis coñecida e a máis nomeada. As súas fotografías aparecen por todos os lados, e non é de estrañar, chegou a tomar máis de 5.200 instantáneas nas dúas viaxes que fixo a Galicia. Moitas delas aínda permanecen sen positivar. Esta moza de Nebraska (Estados Unidos) desembarcou no porto de Vigo con tan só 30 anos, alá polo 1924, acompañada do seu pai. Tiña un encargo: retratar España para a Hispany Society of America. Fíxoo en Galicia en dúas longas estancias entre o 24 e o 26. Nun principio centrouse nos traxes e nos complementos das nosas xentes, pero acabou retratando todo un xeito de vida. As súas imaxes destacan pola potencia e o simbolismo que transmiten. E saben? Disque lía moito a Rosalía de Castro e mais a Murguía! Era unha namorada da nosa cultura!

TON VAN VLIET

Os ollos destoutro fotógrafo pousaron sobre Galicia a finais dos anos 70. Dende Holanda veu parar directamente a Agolada, onde tirou unhas 200 fotografías en branco e negro nas que recolleu os xeitos de vida do lugar. Ten contando nalgunhas entrevistas que chegou aquí de casualidade acompañado dun amigo. El, de primeiras, quería ir a Escocia, mais cando atopou Galicia no mapa tamén se lle pareceu a ese país que anhelaba, así que decidiron tomar rumbo cara á península. Non hai moito, no 2018, regresou a terras de Deza para expoñer algunhas fotografías inéditas das súas estadías na Golada. Porque si, non só fixo unha viaxe. Igual ca Ruth Matilda Anderson, Ton Van Vliet tamén debeu namorar destas xeografías. As súas fotografías están recollidas no libro Galicia-A Golada.

 

GUSTAV HENNINGSEN (1934-)

Este home andaba á caza das bruxas! E claro, deu con Galicia, terra de meigas onde as haxa. É de Dinamarca e é historiador e folclorista. Sempre estivo moi interesado polas supersticións e a bruxerí­a, así que atopou nestes lares o espazo ideal no que desenvolver as súas investigacións. Viaxou no ano 1965 e viviu dous anos en Ordes. Fixo unha morea de gravacións e retratou tradicións e ritos dunha cultura que xa hoxe nos queda lonxe. Nos libros Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza. 1964-1968, de Xavier Groba e Sergio de la Ossa, e Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido, recóllese todo o material traballado polo danés.

JEAN DIEUZAIDE (1921-2003)

O mesmiño que fixo esa recoñecida fotografía do pintor Salvador Dalí somerxido ata o pescozo tamén fotografou os nosos antergos polas aldeas do país. O francés Jean Dieuzaide, que sempre firmaba os seus traballos como Yan, retratou a través da súa Leica a Galicia de finais dos anos 50 e comezos dos 60 por un encargo da editorial Arthaud. O seu arquivo fotográfico, que hoxe se conserva na súa residencia de Tolouse, reflexa a vida das vilas e das cidades, dos campos e das rías. Traballaba sempre coa teima de retratar “o universo das pequenas xentes que levan canda si a súa honra e a súa alegría”.

WALTER EBELING

Entre os anos 1928 e 1933, este etnógrafo alemán, discípulo do eminente etnógrafo Fritz Kruger, chegou á Fonsafrada para estudar os costumes da montaña lucense. Andou unha morea de aldeas da provincia e axudouse dalgúns veciños-guía para facerse un oco na vida cotiá do pobo. No libro A terra e os homes. Fotografías de Walter Ebeling (1928-1933) pode verse todo o traballo deste home alemán que quedou prendado das xentes de Lugo.

GEORGES CHEVALIER (1882-1967)

Estoutro artista arribou no país no ano 1917 cun obxectivo claro e de vangarda: aprovisionar de fotos o arquivo mundial de imaxes en cor do banqueiro francés Albert Khan. Xa que logo, grazas a Chevalier podemos ver o pasado das nosas vilas e das nosas xentes máis alá do branco e do negro. Foi un pioneiro da cor. Poucos anos despois de que os irmáns Lumière patentaran o sistema autocromo, este francés xa andaba poñendo en práctica esta técnica ao longo de Galicia. Visitou Santiago, A Coruña, Padrón… E del consérvase unha colección dunhas sesenta estampas. Eis a nosa historia, con todos os matices cromáticos, da man de Chevalier!

ARQUIVO PACHECO (1915-1981)

O coñecido como Arquivo Pacheco é unha colección fotográfica compilada, en gran medida, polo portugués Jaime Pacheco entre o 1925 e o 1981. Con todo, as súas orixes remóntanse ben atrás – 1870 – coa chegada da parella italiana Filippo Prosperi e Cándida Otero. Os tres se asociaron e arrancaron o negocio ‘Fotografía Pacheco’, cuxos fondos recollen máis de 120.000 fotografías, moitas delas centradas na arquitectura e as rúas da cidade de Vigo, e nas súas escenas da vida política, social e industrial. ‘Fotografía Pacheco’ detivo o tempo para que nós, agora, poidamos analizalo devagar.

ANNA TURBAU (1949-)

Anna Turbau é unha reporteira gráfica catalá, moi comprometida coas causas sociais, que capturou imaxes que son auténticos iconos das orixes do fotoxornalismo en Galicia na segunda metade dos 70. Eran tempos convulsos e Turbau sentía a necesidade de estar e retratar. Ten dito que se atopou coa realidade galega case por casualidade, cando traballaba para Primera Plana e Interviu. “Os movementos populares xurdían cunha forza que coincidía coa miña. […] E alí quedei. Os tópicos sobre Galicia derrubáronse despois dunha historia repleta de silencio e sufrimento. O meu traballo era moi claro, saltar as barreiras do caciquismo, a censura e a represión policial”. Con estas teimas, Anna Turbau fotografou os conflitos máis importantes da época.

CRISTINA GARCÍA RODERO (1949-)

Esta muller de Ciudad Real, primeira fotógrafa española que forma parte da prestixiosa Axencia Magnum, percorreu dende o ano 1974 as terras galegas para retratar o sentir das súas xentes. Conta que grazas á axuda dos sacerdotes, dos feirantes e dos mendigos, foi quen de ir coñecendo información das festas e das tradicións do país. A súa mirada pousou sobre o entroido de Laza, Xinzo de Limia ou Viana de Bolo, o desembarco vikingo de Catoira, “a rapa das bestas” de Sabucedo, procesións, peregrinacións, romarías e ofrecementos… Deixounos fotografías cargadas de forza e simbolismo.

RAMÓN DIMAS

O catalán Ramón Dimas fotografou Galicia alá polo ano 1956. Chegou por encargo da editorial Destino. As súas fotografías ilustrarían unha gran guía monumental de Galicia escrita por Carlos Martínez-Barbeito. Agora, as súas instantáneas tamén están recollidas no libro Ramón Dimas. As fotografías de Galicia, editado pola Xunta de Galicia.

A listaxe de nomes de fotógrafos que chegaron a estas terras para retratar toda unha vida non remata aquí, nin moito menos. Mais esta que vimos de propoñer ben pode servir como mostra do que viron os ollos alleos nos nosos xeitos de vida.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here