O violinista Ara Malikian chegará a Vigo o 3 de agosto co seu ‘Royal Garage World Tour’

O Violinista Ara Malikian / Youtube

O violinista libanés de orixe armenio Ara Malikian sumarase ao elenco de artistas que actuarán este verán no auditorio de Castrelos, en Vigo, e farao cun concerto o próximo 3 de agosto.

Así o anunciou este martes o alcalde da cidade e candidato á reelección, Abel Caballero, quen confirmou que será a única actuación do músico en Galicia, dentro da súa xira ‘Royal Garage World Tour’.

O rexedor destacou a gran proxección e traxectoria de Ara Malikian, un artista que actuou “nas principais cidades e auditorios” do mundo, con concertos en máis de 50 países. En Vigo, na parte exterior do auditorio, o concerto será gratuíto.

Ese escenario acollerá as actuacións de Lauryn Hill (17 de xullo), Leiva (19 de xullo), Tom Jones (23 de xullo), Fangoria (24 de xullo), Rick Astley (26 de xullo), Roger Hogdson (29 de xullo), Thirty Seconds to Mars (1 de agosto), Ara Malikian (3 de agosto) e David Bisbal (8 de agosto), aos que se sumarán “un par deles ou tres máis”.