Presentación do novo disco da orquestra folk SondeSeu o 19 de maio en Cangas

Un dos temas promove a candidatura das Illas Cíes a patrimonio da Humanidade.

Orqustra folk SondeSeu / FB

A orquestra folk SondeSeu estrea o 19 de maio en Cangas o seu quinto disco, ‘Beiralúa’, que sairá á rúa o mesmo día. Este novo traballo convida á danza colectiva, á colaboración de artistas e compositores na elaboración dun repertorio variado que recolle diversos enfoques na creación musical. “A beiralúa é o espazo onde se atopan os exploradores dos roteiros da imaxinación”, explican.

Ademáis dos compositores e arranxistas habituais –Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz– en Beiralúa atoparemos obras creadas para a Orquestra por nomes como Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña, xunto coa presenza de convidados como Susana Seivane, Orfeón Treixadura ou Rosa Cedrón.

Dun xeito especial, ‘Beiralúa’ recolle unha obra particularmente creada por Anxo Pintos para a candidatura das Illas Cíes Patrimonio da Humanidade, titulada “San Martiño”.

Pezas encargadas pola orquestra a prestixiosos compositores como Xosé Lois Romero, Quico Comesaña ou Pedro Lamas entrevéranse con cancións presentes xa no imaxinario colectivo, clásicos como “Ahi ven o Maio” ou “Campanas de Bastabales”, interpretadas por grandes voces como Rosa Cedrón ou o Orfeón Treixadura, rematando cunha espléndida composición de Anxo Pintos dedicada á Illa de San Martiño que pon de manifesto as enormes posibilidades tímbricas da formación viguesa creada hai dazasete anos no seo da actual Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, a ETRAD, e que hoxe se consolida xa como a auténtica Orquestra Folk de Galicia.

 

Inicios da orquestra folk SondeSeu / FB

SondeSeu

Sondeseu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada. 

Sondeseu naceu no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, experiencia singular que persigue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Dende entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama estatal e internacional, con cinco publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos. 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here