InicioCulturaAs galiñas poñen a banda sonora do Festival de Cans

As galiñas poñen a banda sonora do Festival de Cans

Fernando Trueba, Gracia Querejeta e Triángulo de Amor Bizarro incorpóranse ao Festival de Cans no seu 15 aniversario.

PUBLICADO O

Este mércores celebrouse a presentación oficial do Festival de Cans, que este ano contará con case 100 realizadores que farán da parroquia “un escaparate da creación audiovisual galega”. Unha “festa cultural” en bo estado de saúde, que celebra xa a súa XV edición.

Esta pequena aldea esperta chea de siluetas amarelas de cans, de tamaño natural ou xigantescas. O obxectivo está claro: que xordan novos cineastas de cara ao futuro, e realizar a función de descubrimento de artistas descoñecidos. Tres días, do 23 ao 26 de maio, falando nunha aldea galega de cine e de novos directores.

O director do festival, Alfonso Pato, celebrou este logro, e comparouno cunha criatura humana: “este festival xa é un “teenager”, coa curiosidade de quen aínda está a descobrer o mundo e a vida por diante. O problema, que necesita algún apoio”. Cos que xa conta, coma recoñeceu e celebrou.

Pato engadiu tamén que o programa é “intenso”, tanto que “para aburrirse non vai dar”, agradecendo o apoio tanto dos veciños coma das grandes e pequenas administracións e empresas colaboradoras.

Esta festa é un gran acontecemento para Cans, onde a expectación e alta, e tamén para todo o audiovisual galego, nun sentido amplo (tamén expóñense videoclips) e mesmo para a lingua galega e a nosa cultura.

Un festival onde o cacarexo das galiñas convértese na banda sonora da súa presentación, e o “Espazo Mahou” ubícase nunha leira, ademais de que o cartel oficial mistura conceptos coma cinema, agroglamour, música, jaliñeiros, jalpóns e chimpíns. E mistúranse tamén, por suposto, o ocio e a cultura, integrando o cine na vida cotía dunha aldeíña galega.

Festival de Cans 23 a 26 maio
Estrela de cans pra Gracia Querejeta, no torreiro das estrelas /Miguel Nuñez

Este festival ademais engade a filosofía de conceder importancia ao que ocorre tanto diante como detrás das cámaras. Así, a presidenta de Arela (iniciativas de apoio á infancia) destacou, ademais da importancia dos patrocinadores tanto privados coma públicos, que Cans axudou a cambiar as tornas: “Antes, tódolos nenos e nenas querían ser actores e actrices. Agora, un quere ser o cámara, outro iluminador, dobrador… e quero pensar que débese á aprendizaxe do festival. E, nestos tempos, tamén podemos ensinarlles que con esa cousiña que teñen nas mans xa pódense facer cousas moi chulas”.

Isabel Naveira, a actriz galega membra actualmente do reparto da exitosa serie Fariña, recoñeceu que este concurso é “un dos fitos do audiovisual en Galicia, é coma traballar en Pratos Combinados, e ese quedoume por cumplir, así que…”

Ela tamén agradeceu enormemente poder formar parte do xurado e subliñou que Cans “é unha parte fundamental do que temos“. Na mostra de 2006 fora premiada como mellor actriz. Non é a única do elenco actual de Fariña que pasou pola entrega de premios de Cans: “Será que temos bo ollo”, bromeu Alfonso Pato.

Entre as novidades deste ano atópanse a sección ‘A que andas?’, na que se darán a coñecer os guións en proceso de Borja Cobeaga, Ángeles Huerta e Ignacio Vilar, entre outros. Esta sección acompañará a ‘Fillos e fillas de Cans’, na que se emitirán imaxes inéditas de filmes como ‘Arima’, de Jaione Camborda, e ‘Nación de muchachos’, de Javi Camino.

Tamén haberá retransmisións en directo de Radio 3, e se fará a primeira proxección nun festival galego de ‘Versogramas’, de Belén Montero e Juan Lesta; e levarase a cabo o concurso de ‘booktrailers’ baixo o título ‘Ollo de Vidro’. Así mesmo, haberá unha mostra das viñetas de ‘O Bichero’, de Luís Davila; e unha sección especial ‘Contra o lume’ (sección de carácter social que o ano pasado adicouse ao Prestige) e faranse rutas centradas na música e no mundo cinéfilo-literario.

O xurado de ficción e animación estará conformado por Isabel Naveira, Anxos Fazáns, Felipe Lage, Nieve de Medina y Borja Cobeaga; o de non ficción por Ángeles Huerta, Luis Avilés e Isabelle Le Gonidec; o de videoclips por Paloma Zapata, Fernando F. Rego e Eduardo Herrero; e, como é tradición, haberá un xurado de veciños con cinco habitantes de Cans, de entre 25 e 81 anos e polo tanto de tódalas idades.

Festival de Cans
A actriz de Fariña Isabel Naveira e Alfonso Pato na rolda de prensa do festival de Cans / Miguel Núñez

APOIOS

A alcaldesa do Porriño, Eva García da Torre, destacou que a programación deste festival é “diversa”, conta con actividades “para todos os gustos e para todos os intereses”, e diríxese a públicos de diferentes idades.

Despois eloxiou o papel de Isabel Naveira en Fariña e destacou o pracer que supón axudar “a facer aínda máis grande se cabe ao cine e poñer no mapa a esta parroquia. A nosa humilde aportación sempre a vades ter”. Este ano o Concello de Porriño achegou unha subvención de 20.000 euros.

Festival de Cans
Rolda de prensa no Festival de Cans/ Miguel Núñez

Alfonso Pato, coma director do festival, agradeceulle non só o apoio económico senón tamén o transversal: “as limpezas, as obras necesarias, todo o mundo aporta o seu”.

Tamén o portavoz de Mahou Hugo Pérez trasladou a súa satisfacción por ser, por cuarto ano consecutivo, o patrocinador principal do festival e “poder compartir a aposta polo lecer e a cultura innovadora en Galicia”. De feito, destacou de Cans “o seu carácter lúdico, posto que isto, máis aló do apoio ao audiovisual, é unha festa“.

Pola súa banda, despois do conflito do pasado ano, cando cinco certames audiovisuais quedaron fóra das axudas económicas que cada ano reparte a Axencia Galega das Industrias Culturais, aínda que finalmente alcanzaron un acordo, nesta edición a Xunta comunicou que volve colaborar economicamente con este evento cunha achega de máis de 25.000 euros. Dende a Xunta destacaron tanto a calidade audiovisual dos produtos a expoñer coma a boa xestión dos promotores.

Ademais, o delegado en Vigo de Gadisa, Pablo Louro, trasladou o seu orgullo por colaborar con este evento “que redunda positivamente na comunidade”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...