Vigo prepárase para unha Reconquista que agarda converterse en Festa de Interese Turístico Nacional

Esta edición recupera a representación da destitución do alcalde afrancesado e o nomeamento de Vázquez Varela e introduce novidades como un 'punto violeta' ante posibles agresións sexistas ou a retransmisión da expulsión das tropas estranxeiras nunha pantalla xigante

Presentación da Reconquista 2019. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS

O Casco Vello de Vigo acollerá do 23 ao 31 de marzo unha nova edición da Reconquista, que este ano recupera a representación da destitución do alcalde afrancesado e o nomeamento de Vázquez Varela. Como principais novidades, instalarase un ‘punto violeta’ de atención a posibles vítimas de agresións sexuais e retransmirase a expulsión das tropas francesas a través dunha gran pantalla na Porta do Sol.

Así o explicou en rolda de prensa o portavoz da Asociación de Veciños Casco Vello, Xerardo Feijóo, quen avanzou que os actos comezarán na tarde do sábado 23 de marzo, ás 18,00 horas na Praza do Berbés, cun acto de recoñecemento a 9 veciños que impulsaron, hai 25 anos, esta celebración. A continuación, representarase a ocupación da vila e a destitución do alcalde.

O mércores 27 de marzo terá lugar a ‘Reconquistiña’, un desfile polo barrio histórico de máis de 650 nenos de 12 colexios de Vigo, acompañados de música e caracterizados segundo o estilo da época (ano 1809). A marcha comezará as 10,30 horas acabará cunha gran chocolatada.

Esa mesma tarde-noite, a partir das 20,00 horas, celebrarase a gala de entrega dos premios aos Vigueses Distinguidos e a Medalla da Cidade, no teatro Afundación. Alí, a directora da planta de GKN, Consolo Domínguez, lerá o pregón.

MÁIS ACTOS

O 28 de marzo (festivo local), terá lugar a tradicional ofrenda floral ante o monumento aos heroes da Reconquista, na Praza da Independencia. Así mesmo, a Colexiata acollerá un concerto da orquestra infantil Kv2211 ás 12,45 horas. Ao día seguinte instalaranse os 250 postos de artesanía e comida no Casco Vello; as rúas do barrio encheranse de animación, música e talleres; e a xornada pecharase cun concerto de Treixadura ás 21,00 horas en Porta do Sol.

Xa o domingo 31 de marzo, ademais dos postos do mercado, chegarase ao clímax da celebración coa representación, a partir das 18,00 horas, da expulsión das tropas francesas. Os parlamentos, a toma da cidade pola porta da Gamboa, e a fuxida dos soldados ao porto poderán seguirse nunha pantalla xigante instalada en Porta do Sol.

Outra das novidades será a presenza dun ‘punto violeta’ de atención a posibles vítimas de agresións sexuais ou condutas violentas, que estará ao final da rúa Real, nun extremo da Praza do Berbés.

FESTA DE INTERESE TURÍSTICO NACIONAL

Con respecto á declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, o portavoz da asociación de veciños, Xerardo Feijóo, confirmou que se está solicitando toda a información para enviar á Xunta e que a administración autonómica tramite dita petición ante o Goberno central. Segundo aseverou, esta celebración xa cumpre todos os requisitos para recibir ese recoñecemento, entre eles, ter certa antigüidade e arraigamento ou ser mencionada en medios de proxección nacional.