InicioCulturaCaín, outra forma de entender a arte: "Queremos luces culturais todo o...

Caín, outra forma de entender a arte: “Queremos luces culturais todo o ano, oportunidades para a xente de aquí”

"Quedámonos tristes se a única aspiración da cidade son as luces de Nadal", subliña Anxo Cabada, membro de Ateneo Atlántico e Caín.

PUBLICADO O

Anxo Cabada é fotógrafo e membro da asociación cultural Ateneo Atlántico, que conxuntamente con outras personalidades e agrupacións comparte a plataforma de acción cidadá Caín, o novo Colectivo de Admiradores da Iluminación de Nadal. Un retranqueiro nome bíblico para un ‘supergrupo’ que busca cambiar a situación da cultura.

P- Como nace Caín?

R- O Ateneo Atlántico, a Colectiva de Artistas, Agrupación Amig@s do Marco, o Instituto Galego de Praxe Actual, e o colectivo de artistas Marco Así Non, entre outros, xuntámonos desde antes do verán preocupados pola deriva da cultura na cidade, e acordamos facer unha mesa redonda no Instituto Politécnico para xuntar á cidadanía preocupada pola situación e que servira de detonante para activar un debate de participación colectiva. E así, coa unión de moitos destes grupos, é como xurde Caín.

Primeiro de todo organizamos este acto no Politécnico, aínda en outono, onde discutimos os temas Equipamentos e Xestión Cultural a cargo de Ania González, abogada e crítica cultural; Urbanismo e Patrimonio, a cargo de Iago Valverde, arquitecto; e Imaxe da Cidade e Identidade a cargo de Manolo Bragado, e actuou como moderador e presentador Gonzo, o xornalista vigués do Intermedio. Case trescientas personas asistiron a este debate o que da idea da preocupación ciudadana pola cultura.

E o pasado mes de febreiro reunímonos cos partidos políticos, nunha xuntanza para coñecer as súas posturas, agora que se achegan as eleccións. Só o PSOE declinou a súa invitación.

Reunión de Caín/ Miguel Núñez

P- Como parte de Caín, que lle preocupa ao Ateneo Atlántico?

R– Mover os fíos para buscar lugares de debate e opinión, analizar o que está pasando e chamar a atención do público, porque na cidade hai pouca participación cidadá na cultura. Había festivais de teatro ou de música que se foron perdendo. E non temos tampouco un consello cidadán da cultura para contribuír a que esta sexa o máis participativa posible. Preocúpanos que non exista esta participación democrática: a democracia non se trata só de ir votar cada catro anos.

Tamén hai moita mocidade preocupada por isto. Ten que haber sempre debate. Vigo estase quedando atrás na cultura, cando sempre foi unha adiantada ao seu tempo. A situación de mal estado da cultura da cidade ven marcada pola baixa ratio de bibliotecas por habitante, escasa participación democrática…

Os observatorios de referencia no seguimento da actividade cultural en España márcannos unha baixada importante na última década no que se refire a oferta cultural, tanto de espazos expositivos, exposicións, festivais e concertos, con cortoplacismo estéril que impide que xurdan iniciativas que poidan sacarnos da caída en que nos encontramos.

Parte dos grupos políticos durante a reunión de Caín/ Miguel Núñez

P- Unha crítica bastante xeralizada é a que se leva facendo nos últimos anos á rede museística da cidade olívica.

R- Hai demasiados contedores culturais, o centro de fotografía, que só celebrou unha exposición antes de pechar, o Verbum de Samil, que non se sabe nin que programación ten. Agora por fin chegou un novo director ao MARCO, esperemos que todo saia ben.

Recepción do novo director do MARCO/ Miguel Nuñez

P- Que opinan deste nomeamento, que houbo quen precisamente tildou de ‘antidemocrático’, por exemplo desde a oposición política?

R- Outra xente, mesmo dentro de Caín, é mais crítica, pero desde o Ateneo simplemente agardamos que todo funcione ben e que Miguel Fernández Cid contribúa a que sexamos de novo un referente. Temos que celebralo, xa co tempo se non colle pulo nos preocuparemos.

O Ateneo considera positivo que tivera lugar o concurso de elección do Director do Marco pois pensa que foi logrado grazas os movementos reivindicativos de artistas, Marco Así Non, a Fundación Amig@s do Marco e moitas persoas preocupadas pola deriva do Marco.

Biblioteca / Kazyel, Photopin

P- Que opina da programación de concertos, da que se ten acusado, por exemplo desde o BNG, de dar as costas aos artistas locais?

R- En Vigo organízanse grandes concertos, que están ben, pero como dis impiden que haxa unha boa participación dos grupos da cidade. E Vigo, se é recoñecida como unha cidade ‘movida’, é  a través da súa música.

A cultura está baixando moito na cidade, é por iso que queremos un debate ao respecto. O panorama resulta desolador. Tamén en canto a bibliotecas a cidade deixa moito que desexar e quedámonos moi atrás con respecto a outras cidades máis pequenas como Santiago de Compostela, coa eterna promesa da Biblioteca do Estado. Hai moi pouca iniciativa por que a cultura avance.

Dorian en Castrelos/ Miguel Núñez

P- Esta situación de ‘mal estado’ da cultura é xeralizada?

R- As análises indican uns parámetros moi baixos na cultura tamén a nivel estatal e autonómico. Aínda agardamos dos gobernos un maior interese moito maior por ela.

P- Regresando a aquilo que deu nome a Caín, que opina das luces de Nadal e a polémica que xeraron?

R- Pois non axuda moito, aínda que poida funcionar a nivel publicitario e teña repercusión turística, queimar un orzamento tan grande niso. Pensamos que debería de apostarse máis por outras cousas, quedámonos tristes se a única aspiración da cidade son as luces de Nadal. Queremos luces culturais todo o ano, algo máis de interese pola xente da cidade.

Estamos preocupados pola deriva cultural e porque se poden facer mellor as cousas, mentres perdemos a participación na cultura. Que ademais tería que dar traballo. Se non lle das oportunidades á xente de aquí, aos artistas escénicos, aos músicos, a quen sexa, obrigas a que marchen ou abandonen o seu. Facer cidade é facer cultura, unha cidade sen cultura está incompleta porque a move entera cara o crecemento persoal.

Espectáculo de inauguración das Luces en Vigo/ Miguel Núñez
A cidade é un esforzo colectivo, e máis que unha forma, é un proceso, e non podemos perder a nosa identidade, labrada por persoas que sempre loitaron nesta cidade por ser un  referente nas vanguardas culturais tanto a nivel autonómico como a nivel estatal, e se non a construímos entre todas e todos mediante unha participación colectiva, crítica e creativa, estaremos desfacendo unha enerxía que foi o motor que axudou a construir unha idea de cidade libre, plural, diversa e participativa.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...