InicioVal MiñorBaionaPolémica por que o "machista, xenófobo e homófobo" Sánchez Dragó sexa un...

Polémica por que o “machista, xenófobo e homófobo” Sánchez Dragó sexa un dos conferenciantes na Festa da Arribada de Baiona

A Deputación de Pontevedra esixe a súa retirada do programa das festas. Os socialistas do municipio pontevedrés tamén reclaman que non se dea voz ao "machista" escritor e tachan de "vergoñosa" a elección.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Goberno da Deputación de Pontevedra esixiu ao alcalde de Baiona, Anxo Rodal (PP), que retire a Fernando Sánchez Dragó do cartel do ciclo de conferencias da Festa da Arribada.

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, pediu a Rodal que “desista da impresentable elección do homófobo Fernando Sánchez Dragó como cabeza de cartel do ciclo da Festa da Arribada”.

Abelairas manifestou que é “incomprensible e bochornoso” que Rodal permita que “un individuo que alardea publicamente de encontros sexuais con menores de idade, que insulta ás mulleres e que nega a violencia machista sexa conferenciante da Arribada, ensuciando unha festa tan importante para a provincia”.

Así, a deputada reclamou ao alcalde “que reflexione e que cambie a súa decisión para non avergoñar aos veciños de Baiona que non merecen isto”. Abelairas lembrou as “obscenas declaracións do escritor para un movemento tan importante como o feminismo, a súa defensa da prostitución, as súas palabras de respaldo do golpe de estado do réxime franquista e os seus insultos á democracia”.

Por último, Isaura Abelairas apuntou que “o alcalde está a tempo de rectificar e mostrar que non se sitúa nas terribles trincheiras dos que apelan a nostalxia do peor dos séculos pasados”.

CRÍTICAS DO GRUPO SOCIALISTA

A agrupación socialista de Baiona tamén censurou a elección de Sánchez Dragó e manifestou, a través dun comunicado, o seu “máis absoluto rexeitamento á participación” do escritor e esixiu a Rodal que “dea marcha atrás e retire o nome do polémico escritor de forma inmediata”.

O portavoz socialista, Carlos Gómez, afirmou que “é absolutamente incrible que o alcalde escollese como cabeza de cartel do ciclo a un individuo da catadura moral de Sánchez Dragó”. Os socialistas sinalaron que é un home que “se vangloria publicamente de encontros sexuais con nenas de 13 anos, machista, xenófobo e homófobo”. Gómez asegurou que é “inconcibible que se poida dar cabida en Baiona a persoas deste calado”.

Ademais, o portavoz comentou que “a literatura non está por encima da consideración moral das persoas, e non se pode dar cabida a unha persoa que nas súas palabras ofende, denigra e pisa continuamente os dereitos e liberdades de calquera colectivo que conforma a sociedade”.

Por último, Carlos Gómez, que lamentou que o alcalde non consultase a decisión, afirmou que “parece que a Rodal traizóalle o subconsciente e aínda pensa en Baiona en branco e negro”.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...