Os nenos da Guarda enchen de estrelas o espigón do porto

A Guarda, escrita nas estrelas/ Concello da Guarda

Alumnos e alumnas dos diferentes centros escolares da localidade da Guarda participan desde o 9 de outubro no pintado do espigón do porto, actividade enmarcada no proxecto «A Guarda escrita nas estrelas» que se atopa a piques de rematar, lucindo xa imaxes da Guarda, Salcidos e Camposancos, as Marcas dos Pescadores e as estrelas que darán forma a esta «galaxia».

O novo deseño é froito dun traballo realizado polos artistas locais Alberto Brandon e Nuria Villa, así coma o de máis de medio cento de voluntarios que xa colaboraron nestas tarefas dende mediados de agosto, contando cunha gran implicación da cidadanía.

Segundo explicaron Alberto e Nuria o día da presentación deste proxecto, “sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día”.

Os artistas decidiron centrar este proxecto en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da vila.

Desta volta, son os alumnos e alumnas dos centros escolares os que participan no pintado das estrelas, pintado que se realiza en grupos, onde os nenos e nenas atenden ás explicacións dos artistas para proceder despois a plasmar sobre o dique as pinturas, coa axuda duns modelos e sprays.

Este mércores día 10 de outubro a Concelleira de Cultura, Elena Baz; e a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes; visitaron o Porto da Guarda para visualizar o avance destes traballos e mesmo participar no pintado das estrelas, amosando a súa satisfacción polo estado e avance deste pintado, que está xa a piques de rematar.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here