InicioCulturaO proxecto artístico para a ponte de Rande que nunca se realizou

O proxecto artístico para a ponte de Rande que nunca se realizou

Profesores de Belas Artes da Universidade de Vigo revelan a historia da intervención que o célebre artista francés Daniel Buren planeou para Rande en 2005, un proxecto que nunca se realizou polos atrancos que puxo a Xunta de Galicia.

PUBLICADO O

A ponte de Rande puido ser algo máis ca unha icona da enxeñaría contemporánea de Galicia e España. A construción puido terse convertido nunha obra de arte en si mesma con proxección internacional. O proxecto foi ideado polo artista conceptual francés Daniel Buren (Boulogne-Billancourt, 1938) —figura destacada da escena artística internacional contemporánea—, quen planeou en 2005 unha intervención na ponte. Mais o que titulou como ‘Project pour la Galice’ nunca se realizou. A idea era revestir a estrutura das clásicas bandas de cor de Buren en espazos públicos.

O historiador e crítico de arte Xosé Antón Castro Fernández, a artista e catedrática de Escultura Yolanda Herranz Pascual e o tamén artista e catedrático de Debuxo Jesús Pastor Bravo —todos eles, ligados á Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo— revelan agora aquel segredo, case catorce anos despois do seu encontro con Buren.

Os detalles da historia de ‘Project pour la Galice’ coñécense agora grazas ás revelacións feitas por estes autores no seu traballo ‘Daniel Buren, el campo amplio de la pintura, el lugar donde se diluyen los géneros. Proyecto de intervención en el Puente de Rande (Vigo)’, publicado no último número de Arte, Individuo y Sociedad, revista editada pola Universidad Complutense de Madrid que publica artigos e traballos de investigación sobre as artes visuais e as súas relacións co contexto social, histórico, político e cultural desde distintos eidos científicos.

Bosquexo do 'Project pour la Galice', intervención na ponte de Rande do artista francés Daniel Buren
Bosquexo do ‘Project pour la Galice’, intervención na ponte de Rande do artista francés Daniel Buren / Castro-Fernández, X.A.; Herranz-Pascual, Y.; Pastor-Bravo, J. Arte, indiv. soc. 30(3) 2018: 599-620.

Durante unha travesía pola ría de Vigo, en decembro de 2004, Buren “quedou abraiado polo carácter monumental e o enclave da ponte”.

O relato comeza en decembro de 2004, cando Buren percorría a costa galega na procura de inspiración. O artista —segundo contan os autores— pretendía intervir nun enclave emblemático das rías galegas, coincidindo coa saída desde Vigo da Volvo Ocean Race 2005-2006, unha das regatas transoceánicas máis prestixiosas do mundo.

Durante aquela travesía por portos galegos, Buren aceptou ser acompañado durante cinco días por Castro Fernández, Herranz Pascual e Pastor Bravo. Aquela experiencia foi, para eles, o punto de partida para investigar e estudar as formulacións de Buren, tendo en conta a súa concepción metodolóxica, isto é, basicamente, “a afirmación da súa obra como «transformación do lugar de acollida», tendo en conta a arquitectura, o deseño e o debuxo, a luz e a cor, o contexto como natureza do lugar e un sentimento de  perdurabilidade que exalta a imaxe esencial do efémero, transcrita, de maneira habitual, nas súas foto-lembranzas e na posibilidade dunha pintura de campo amplo”, expoñen os autores.

Na historia que agora revelan, contan que tras visitar os portos da Coruña, Sanxenxo e Baiona, adentráronse na ría de Vigo con Buren, “navegando de maneira  escrutadora, nun deses días escuros e grises do mes que nos di que se achega o Nadal”.

O artista francés, proseguen, “quedou abraiado polo carácter monumental e o enclave da ponte de Rande”. Nese intre, baixo esta magnífica obra de enxeñaría, Buren decidiu que sería o seu obxecto de intervención.

Bosquexo do 'Project pour la Galice', intervención na ponte de Rande do artista francés Daniel Buren
Bosquexos do ‘Project pour la Galice’, intervención na ponte de Rande do artista francés Daniel Buren / Castro-Fernández, X.A.; Herranz-Pascual, Y.; Pastor-Bravo, J. Arte, indiv. soc. 30(3) 2018: 599-620.

Buren optou por “un vermello moi vivo que contrastase coa paisaxe”, aínda que tamén considerou “un fermoso laranxa vivo” e “mesmo un azul eléctrico” para a ponte.

“Mentres navegabamos, falamos da historia do lugar que estabamos percorrendo, un enclave que acollera a batalla naval de Rande, xusto no estreito onde se colocou a ponte que atravesaramos ese día en coche, e que horas máis tarde puidemos percibir en toda a súa magnitude ao cruzar a infraestrutura por debaixo nun mar en calma. Explicamos a Buren os acontecementos que tiveron lugar o 23 de outubro de 1702 no contexto da Guerra de Sucesión española do último dos Habsburgo, entre as escuadras de Inglaterra e Holanda, que formaron unha alianza onde só gañaría un lado, e Francia e España. Curiosamente, dous anos antes, o Museo do Mar de Galicia (Vigo) dedicara unha exposición a celebrar esa loita e as súas secuelas míticas e literarias, que levaron, desde entón, á creación de fábulas sobre os tesouros que deixou alí aquela batalla, como nos lembra Xulio Verne na súa coñecida novela 20.000 leguas de viaxe submarina. Nela, dedica o oitavo capítulo da segunda parte da novela á baía de Vigo”, describen os tres expertos.

UNHA PONTE VERMELLA 

Cinco meses despois daquela visita, Buren enviou o proxecto de intervención a Castro Fernández, Herranz Pascual e Pastor Bravo, quen recuperan aquela carta do artista francés, cos bosquexos e explicacións do proxecto. Nela, o artista francés contaba: “Reflexionei e traballei moito na ponte, e despois de ducias de bosquexos e varias posibilidades, decidín enviarlles os debuxos adxuntos, que son unha expresión, coido, das ideas máis simples e interesantes que alcancei”.

O que recibiron os tres especialistas foi “un proxecto meticulosamente ilustrado cunha ducia de bosquexos, que, como el entendía, apenas esixían explicación máis aló dos matices da percepción”.

Bosquexo do 'Project pour la Galice', intervención na ponte de Rande do artista francés Daniel Buren
Bosquexos do ‘Project pour la Galice’, intervención na ponte de Rande do artista francés Daniel Buren / Castro-Fernández, X.A.; Herranz-Pascual, Y.; Pastor-Bravo, J. Arte, indiv. soc. 30(3) 2018: 599-620.

As partes das estruturas verticais visibles para os condutores serían pintadas con bandas brancas e negras que se alternarían, cun ancho de 8,7 centímetros cada unha.

Cal foi a proposta de Buren? “No marco do seu signo de identidade bicolor, Buren optara polo vermello, aínda que considerou que podería ter sido diferente, aclarando que a súa calidade debía ser elixida con moito coidado, algo que non se reflicte nos seus bosquexos. Sería un vermello moi vivo que contrastase coa paisaxe. Analizando as outras alternativas preferidas, intuíu que un verde non sería axeitado, sabendo que esta opción cromática se afastaría da súa primeira intención, que era reforzar a oposición á forza da paisaxe”, relatan os profesores da Universidade de Vigo.

Outras opcións cromáticas que manexou Buren foron “un fermoso laranxa vivo” e “mesmo un azul eléctrico”. “Ceo que poderían verse ben”, xustificaba na carta, na que engadía: “A elección da cor está aberta, e mesmo o branco pode ser un pouco refulxente baixo o sol”.

Buren pretendía cubrir a ponte coas súas famosas bandas de cor. A idea orixinal era pintar as partes das estruturas verticais visibles para os condutores de branco e negro, onde cada banda debía ter un ancho de “8,7 centímetros, ou mesmo 9, se o proceso fose máis controlable”, explicaba o artista conceptual (as características liñas de Buren teñen unha medida estándar de 8,7 centímetros).

Para o resto da ponte, Buren aplicaría raias en branco e vermello: todas as partes que miran ao mar —o interior e o exterior dos piares da ponte— serían pintadas nun só ton vermello, similar á infraestrutura da plataforma, mentres que os tubos que protexen os cables serían brancos e vermellos, segundo contan agora os profesores de Belas Artes.

IFrame

Bosquexo do 'Project pour la Galice', intervención na ponte de Rande do artista francés Daniel Buren
Bosquexo do ‘Project pour la Galice’, intervención na ponte de Rande do artista francés Daniel Buren / Castro-Fernández, X.A.; Herranz-Pascual, Y.; Pastor-Bravo, J. Arte, indiv. soc. 30(3) 2018: 599-620.

“Desafortunadamente, O Goberno galego, que patrocinou o proxecto, negouse a facelo”, láianse os profesores de Belas Artes.

PROXECTO FRUSTRADO

Que pasou con aquel proxecto? Por que nunca se realizou? Segundo relatan os profesores de Belas Artes, “desafortunadamente, o Goberno galego, que patrocinou o proxecto, negouse a facelo, dado o alto custo material e a complexa infraestrutura humana para traballar in situ, o que implicaba facer moito traballo desde o mar e a máis de cen metros de altura, así como as dificultades atopadas para frear ou paralizar parcialmente o tráfico durante o tempo de execución”. Unha decisión que xerou fonda “decepción” nos artistas.

Malia que semellaba un proxecto complexo, Buren afirmou que a beleza e sinxeleza da ponte lle permitiría pintala sen grandes dificultades. Nunca puido facelo.

O ARTISTA QUE “DEMOCRATIZOU” A ARTE

Daniel  Buren é un dos artistas franceses contemporáneos máis recoñecidos internacionalmente. As máis importantes institucións e museos de todo o mundo demandaron o traballo deste creador, quen recibiu distincións tan honorables como o León de Ouro na Bienal de Venecia en 1986 ou o Praemium Imperiale de Xapón en 2007, considerado un premio Nobel no eido das artes visuais.

En 1985, creou a súa más polémica instalación pública, Les deux plateaux, unha serie de columnas modernistas —260 piares de mármore branca e negra— instaladas nun espazo de 3.000 metros cadrados do Palais Royal de París. Buren foi acusado naquel momento de “violar” este conxunto monumental coa súa proposta abstracta e xeométrica. Pero a súa obra permanece alí como icona vangardista da mestura de estilo antigo e moderno, e abriu o camiño a outras propostas rupturistas, como a pirámide de vidro e aluminio que se inaugurou en 1989 no patio central do Museo do Louvre, na capital francesa.

Buren concibe gran parte da súa obra para mostrarse temporalmente e desaparecer definitivamente despois da súa exhibición. Porén, proxectos como as columnas do Palais Royal ou outros similares ao que ideou para Rande —como a intervención na ponte de La Salve, o viaduto que cruza por enriba do Museo Guggenheim de Bilbao—, mantéñense en espazos públicos de todo o mundo. Son, de feito, o seu xeito de traballo in situ no espazo público e as súas famosas bandas bicolores, a súa marca de identidade, recoñecible en prazas, parques, rúas, pontes, paseos, baías, portos, praias, embarcacións de recreo, autobuses, edificios de todo tipo e, en particular, en museos de todo o mundo.

A obra de Buren, segundo os críticos de arte, definiuse primeiramente cara á tendencia da crítica institucional, isto é, a arte en contra das políticas do museo moderno e da autonomía da obra de arte, e despois, cara á integración da arte contemporánea en espazos históricos, a través de instalacións en contexto e intervencións monumentais a edificios, infraestruras e contornas urbanas, apostando pola democratización da arte a través da súa  recontextualización.

ÚLTIMAS

Retencións de varios quilómetros na AP-9 ao seu paso por Vigo tras producirse un accidente e unha picada de roda

Un accidente entre un camión e un coche e unha picada de roda doutro...

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

Ferida unha persoa tras ser atropelada en Vigo

Unha persoa resultou ferida na mañá deste martes tras ser atropelada por un vehículo...

Os 15 pediatras que obtiveron praza por concurso de méritos na área de Vigo teñen ata o 18 de abril para incorporarse

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente dúas resolucións que adxudicaron a 70...