O PSOE de Ponteareas denuncia “ameazas e insultos” da Plataforma Nacional 120

Aseguran que "non recoñecen" ao actual voceiro da plataforma como tal tras recibir unha "carta ameazante" da súa banda.

Concello de Ponteareas/ Asetur Casa Rural

Novo episodio no enfrontamento entre a Plataforma da Nacional 120, que piden a mellora deste viario, e o PSOE. Os socialistas de Ponteareas veñen de denunciar “ameazas” por parte da directiva da asociación, á que acusan de “seguir o discurso do PP” e proferir insultos contra as filas socialistas.

En concreto, dende a estrutura do PSOE en Ponteareas apuntan que veñen de contestar unha “carta ameazante” recibida por correo electrónico e asinada por D. Luis Campos, quen se erixe como voceiro da Plataforma da Nacional 120. “Son moitas ocasións xa as que o Partido Socialista, e en concreto a súa Portavoz Chus Garrote, ten que soportar insultos, ameazas e improperios por parte desta persoa e doutros membros da directiva da Plataforma”, inciden dende o partido.

Segundo apuntan, esta situación tivo “o seu máximo expoñente onte, cando o Partido Socialista recibiu, unha vez máis, cunha actitude violenta impropia de calquera que presume ser voceiro dos veciños de tres parroquias cando non foi elexido por ninguén, unha acusación de falsidade con respecto ao tratado no Pleno Municipal do pasado martes 25 de xaneiro”.

Dende o Partido Socialista denuncian así que Campos “fai seguidismo do discurso do PP e amósase incapaz de recoñecer os avances que se teñen feito dende a chegada dos socialistas ao Goberno de España”. A denuncia da plataforma é, precisamente, que a reforma da 120 segue nos caixóns dos ministerios por “razóns políticas e non técnicas”,

 “Esta persoa leva 6 anos facéndolle o xogo sucio ao PP e aproveitando a máis mínima ocasión para cargar contra o Partido Socialista”, inciden.“É imposible entablar un diálogo sensato e constructivo con D.Luis Campos quen está instalado na negación absoluta aos avances producidos”.

Por iso engaden “non podemos consentir nin unha falta de respecto máis. Non imos ser actores pasivos dunha actitude violenta que en nada beneficia aos veciños e veciñas da nosa vila. É inaceptable que D. Luis Campos anuncie a bombo e platillo que o Partido Socialista é culpable das mortes producidas na Nacional 120. Por todo o exposto o Partido Socialista non recoñece a D. Luis Campos como voceiro da Plataforma e se os demáis membros da Plataforma continúan apoiándoo deixaremos tamén de recoñecer a Plataforma como interlocutora válida xa que demostrarían así ser un arma política do Partido Popular”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here