Ponteareas celebrará a tradicional festa do Corpus, pero desde os balcóns

O escritor Alfonso Pexegueiro lerá o pregón e haberá un percorrido polos balcóns engalanados das rúas do Corpus que será retransmitido pola canle YouTube do Concello.

Alfombra en Teruel / Concello de Ponteareas

Ponteareas buscou unha orixinal maneira de celebrar a súa tradicional festa do Corpus. A crise do Covid -19 non impedirá que esta festa que se leva facendo dende a segunda metade do século XIX, coa confección de alfombras de flores nas rúas e prazas polas que trancorre a procesión, se cancele. Así que, a pesares desta situación, a imaxinación e iniciativa de alfombristas, goberno e Corporación municipal puxéronse de acordo para que se siga celebrando dun xeito moi especial; a través dos balcóns.

“Desde o Concello e conxuntamente cos e coas alfombristas, queremos celebrar o Corpus 2020 dun xeito especial; farémolo desde os balcóns, lucindo flores e os materiais que habitualmente utilizamos nas alfombras, engalanando os balcóns e as fachadas, dando así vida á festividade do Corpus Christi, declarada de Interese Turístico Internacional e impregnando as rúas para revivir o arrecendo das alfombras doutros anos”, manifestou o alcalde, Xosé Represas.

O Concello pon ao servizo dos e das alfombristas os medios para que se poida sentir neste ano tamén o Corpus, aínda que sexa de forma ben distinta á tradición. Neste sentido, alfombristas e Concello convidan á poboación infantil á realizar nas súas casas as súas creacións de “alfombras” e a compartilas nas redes sociais

Ademais, mantense a edición da revista Pregón, aínda que cun formato distinto ao habitual, a revista será presentada o sábado 13, nun acto co aforo acotado e por convite para garantir a distancia interpersoal no que se dará lectura ao pregón por parte do escritor Alfonso Pexegueiro. O acto será  emitido en directo dende a canle oficial de Youtube do concello de Ponteareas

A continuación, a partir das 22 horas,  farase un percorrido polas rúas engalanadas coa participación dun grupo musical de ruada acompañando á actriz Isabel Risco que se dirixirá aos espectadores online e animando á veciñanza a saír ao balcón e a participar na emisión en directo intervindo a través dun micro-pértiga.

Ao remate do percorrido polas rúas do Corpus cos balcóns e fachadas engalanadas, emitiranse videos de arquivos históricos das alfombras das últimas décadas. O luns día 15, festivo local, celebrarase a habitual homenaxe aos alfombristas falecidos, despositando un ramo de flores na escultura que os lembra.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here