InicioSociedadeO Concello de Ponteareas segue agardando que a Xunta asuma a xestión...

O Concello de Ponteareas segue agardando que a Xunta asuma a xestión da residencia Santa Ana 6 anos despois

A residencia Santa Anta, aberta dende o ano 1986, ten que ser asumida pola Xunta de Galicia porque lle corresponden estas competencias”: Verónica Carrera, concelleira de Benestar Social de Ponteareas.

PUBLICADO O

A residencia Santa Ana de Ponteareas está xestionada polo Concello dende o ano 1997, e o goberno actual do municipio mantivo varios encontros ao longo destes anos coa Xunta de Galicia para trasladarlles a necesidade de que asuman as súas competencias e responsabilidades na xestión deste centro.

Esta é unha cuestión xa trasladada en 2012 polo anterior goberno local sen que a Xunta de Galicia pasase en ningún momento nestes 6 anos das promesas aos feitos. A residencia Santa Anta, aberta dende o ano 1986, ten que ser asumida pola Xunta de Galicia porque lle corresponden estas competencias”, afirmou a concelleira de Benestar Social de Ponteareas, Verónica Carrera. 

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, reuníronse este martes co Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, na sede do Parlamento Galego, para tratar as obras de reforma da residencia, o seu traspaso e a cofinanciación das obras da escola infantil.

Alcalde e concelleira facilitaron a José Manuel Rey o informe técnico que detalla as obras de mellora na cuberta, na fachada, no pavimento das tres plantas e no vestiario, que acadan un orzamento total de máis de douscentos mil euros.

Ao tratarse de obras para un servizo que é competencia da Xunta, o Concello estima que deben asumir o custe das mesmas. Carrera e Represas solicitaron ao conselleiro a inmediata constitución da comisión mixta para estudar o traspaso da xestión da residencia.

“A residencia efectivamente conta cunha aportación económica da Xunta e coas dos usuarios e usuarias, pero a maiores o concello asume un gasto de máis de cen mil euros ao ano”, subliñou o rexedor. O Alcalde lembrou tamén que este é un compromiso adquirido polo presidente da Xunta de Galicia no ano 2012 que nunca se chegou a concretar nin avanzar nestes seis anos.

Por outro lado, en canto aos vinte traballadores da residencia Represas, convida á comisión mixta a estudar caso por caso xa que este tema non suporía ningún impedimento e asegura que o Concello podería incluso recolocar noutro servizo municipal a aquelas traballadoras que non puideran integrarse no persoal da Xunta.

Outro dos temas tratados e dos que xa está en coñecemento o departamento  de Familia da Xunta de Galicia é a escola infantil, na que tamén haberá que facer obras de adaptación á normativa de seguridade para o que o goberno de Ponteareas pide á Xunta a cofinanciación tras terlle achegado o informe técnico pertinente.

Así mesmo, Alcalde e Concelleira adiantáronlle a previsión de que nos vindeiros meses se aprobe o Plan Xeral de Ordenación Municipal no que se contempla a construcción dunha nova escola infantil para a que agardan contar co compromiso e apoio da Xunta de Galicia.

 

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Interceptado un mergullador sen os equipos obrigatorios e sen licenza de pesca

A Policía Local interceptou o pasado martes en Vigo a un mergullador que non...