InicioMedio Ambiente e PatrimonioPonteareas móvese para liberar de eucaliptos o Castro de Troña

Ponteareas móvese para liberar de eucaliptos o Castro de Troña

"A folla do castaño nutre a terra, a do eucalipto é tóxica"; subliña Rocío Márquez, a cargo desta iniciativa.

PUBLICADO O

A oficina municipal de voluntariado de Ponteareas (Voltea) dependente da concellería de Benestar Social e Mocidade que dirixe Verónica Carrera, convida a toda a veciñanza a participar na xornada de eliminación de eucalipto que terá lugar o sábado 27 de outubro no entorno do Castro de Troña.

Tralos incendios de 2017, os montes están invadidos de especies invasoras que impiden a normal recuparación do solo e do bosque autóctono, polo que a concellería, coa colaboración dos voluntarios e voluntarias, quedará ás 09:30 horas do sábado no propio Castro de Troña, en Pías, para tentar eliminar o maior número posible de invasoras.

Os interesados poderán obter máis información e confirmar asistencia nos teléfonos 687 764 516 ou no 661 761 685. Desde a organización recomendan levar botas e luvas.

Levarase a cabo a extracción manual do eucalipto que brotou a raíz dos lumes de 2017. A oficina municipal de voluntariado leva 3 anos protagonizando iniciativas a prol do medio ambiente. Veñen de facer limpeza no río Uma, “o gran descoñecido, todo o mundo refírese ao Tea”, lamenta Rocío Márquez, responsable da oficina municipal.

Do Uma etiraron ata neumáticos, aos que se agarraban as crías de lamprea, inconscientes de que as partículas de plástico sexan venenosas. Márquez defende desde esta oficina a biodiversidade, afectada pola contaminación e tamén polas especies invasoras.

Inmensidade de eucalipto nos montes de Coruxo/ Miguel Núñez

“A xente tería que ser consciente da riqueza que temos e que debemos conservar. Nas nosas maletas de viaxe podemos traer ovos de insectos, nas cubertas dos barcos chegan moluscos foráneos que maten as especies destas rías. Esnaquizan o equilibrio do sistema natural. É o que acontece coa velutina, totalmente destrutiva porque non ten depredadores, os animaliños de aquí non son quen de afectalas”, reflexiona.

Márquez define o eucalipto como praga “porque non crece nada debaixo del, nada co que se poida alimentar un burro ou unha cabra, nin fungos, nin froitos… Plantas eucalipto nun lugar e xa non crece nada máis. Desnutre a terra, que deixa de ter minerais. A xente do campo sempre plantou cada ano unha cousa, patacas, millo, despois barbeito… O eucalipto non permite isto, esquilma todo”.

Operarios talan o eucalipto queimado en Coruxo / Miguel Núñez

“A folla do eucalipto é tóxica. O castañeiro, en cambio, nutre a terra. Calquera frondosa, en xeral, nutre o solo. A folla do castañeiro cae nun río e produce nutrientes para os microorganismos que comen os peixes. A folla de eucalipto, que posúe alquitrán e outras substancias, non se desfai e intoxica a auga ao non pudrirse”, compara.

Non quere ser pesimista coa evolución do eucalipto en Galicia, aínda ve marcha atrás, e reflexiona: “Plántase porque é rendible. Que poden ser igual de rendibles o castañeiro ou o carballo, pero non se valoran o suficiente na nosa terra. Ocorre algo distinto en Francia, onde saben recoñecer o valor que ten esta madeira para confeccionar un barril de viño, por exemplo”.

 

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...