Por que houbo unha praga de ratas no comedor dun centro da Cañiza?

Educación lamenta as "molestias" a pais e estudantes e remarca que se traballa para que "todo estea en perfecto estado de revista" a semana que vén.

Rata nun sumidoiro
Rata nun sumidoiro / icipolleti.com

 O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, atribuíu a un “desaxuste na comunicación entre o Concello e a Xunta” os problemas derivados da praga de ratas nun comedor do colexio da Cañiza (Pontevedra) e as actuacións fronte á mesma.

Román Rodríguez fixo estas declaracións acompañado do xefe territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez Ares, a quen culpou este luns o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez (PP), por non actuar con celeridade neste caso.

Este martes, o conselleiro pediu desculpas á comunidade escolar do colexio polo peche do comedor que “obviamente xerou molestias”. “Lamentamos esas molestias que lles causou ás familias“, esgrimiu.

No CPI da Cañiza estudan 530 alumnos. Entre outros contratempos, o peche do comedor obrigou a reaxustar o horario de autobuses e os alumnos de ESO están a ter menos horas lectivas.

“EN PERFECTO ESTADO DE REVISTA”

Román Rodríguez informou de que, nestes momentos, “os servizos sanitarios xunto cos educativos e o Concello están a traballar para que estea todo en perfecto estado de revista para a semana que vén” e engadiu que, “se non é o luns, será ao longo da semana”. Mentres tanto, o comedor permanecerá pechado ata ter os resultados das probas bacterianas.

Foi un incidente puntual que pode pasar ao longo do verán“, sinalou o conselleiro de Educación, para quen “o importante” é que “tarde ou cedo se tomaron medidas cando se tivo coñecemento”. Finalmente, Rodríguez destacou que “o que se prioriza aquí sempre é a máxima seguridade sanitaria e alimentaria dos alumnos”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here