Valeixe, na Cañiza, dá un ultimato ao Sergas: “Se non nos mandan médico, manifestarémonos en Santiago”

"Non teñen vostedes vergoña nin empatía coa xente maior que está sufrindo as consecuencias da súa incompetencia". Así de claro responde a veciñanza de Valeixe a Sanidade, que leva dende outubro sen cubre a praza do médico do centro de saúde da aldea da Cañiza.

Pancarta que reivindica un médico para Valeixe xa / Remitida

O consultorio médico de Valeixe, na Cañiza, leva sen facultativo diario dende o mes de outubro. A veciñanza afectada, máis de 700 habitantes de Valeixe, Crecente e Arbo, tiña a “esperanza” de que un dos dez médicos que a Xunta anunciou este martes para a Área Sanitaria de Vigo cubriría esa praza vacante de Valeixe. Mais polo de agora, seguen sen boas novas.

UN PROBLEMA QUE VÉN DE LONGO

A falta de servizos médicos necesarios para a comarca vénse producindo dende que o pasado ano se xubilou o médico titular que traballaba no centro de saúde de Valeixe. Dende aquelas, estiveron atendidos por un médico substituto ata finais do mes de outubro. A partir dese momento e ata o día de hoxe, a veciñanza do lugar vese obrigada a trasladarse ao PAC da Cañiza só dous días por semana e en horario de tarde. Para isto, un dos médicos do PAC ten que “prolongar a súa axenda dúas horas” para poder atender a veciñanza e facer receitas.

Na primeira quincena de xaneiro, o Sergas mandou un facultativo ao centro de saúde de Miñoteira, mais só durante dúas horas. “Non podía atender 40 persoas e a axenda estaba saturada. Había que esperar máis de 11 días para ser atendidos“, relatan os veciños. Logo, vonvéronos derivar ao PAC da Cañiza. “Moitos anciáns non dispoñen de medios de transporte e como teñen pensións non contributivas non poden asumir o gasto do taxista“, critican. Á fin, rematan por non acudir ao médico. Ademais, as listas de espera alónganse no PAC ao concentrar tantos pacientes.

RESPOSTA DE SANIDADE

Segundo informan os veciños, dende Sanidade só din que “non teñen médicos suficientes para cubrir a praza e que os que están libres non queren vir”. No escrito remitido polo Sergas en resposta a unha das queixas da veciñanza, Sanidade recoñece a “escaseza de médicos substitutos na área sanitaria de Vigo”, o que fai que os efectivos se destinen aos PACs, entre eles o da Cañiza.

Marisol Mota, unha das afectadas pola falta de médico, critica que os reponsables “tiran a pelota dun tellado a outro” e apélaos directamente: “Non teñen vostedes vergoña nin empatía coa xente maior que está sufrindo as consecuencias da súa incompetencia”. O caso desta muller, cuxa nai de 80 anos está encamada e o seu pai ten 84, repítese de maneira habitual en Valeixe. “É moi triste que chames para que veñan velos porque teñen moitos achaques e che digan que chames ao 061 porque os médicos de garda están colapsados”. “Se non hai médicos, búsquenos onde os haxa”, insta.

PROTESTAS DA VECIÑANZA

Ante esta situación que cualifican de “desesperante”, a veciñanza decidiu facer unha recollida de firmas e aseguran que xa teñen enviado numerosas queixas á Xunta de Galicia. Mesmo se manifestaron en xaneiro para esixir que se cubra esa praza vacante. Ao non ver solucións, os veciños poñen como data límite este venres. “Se non nos mandan médico antes dese día, manifestarémonos en Santiago. Valeixe non vai parar ata volver ter médico no seu consultorio”, reivindican.

Non é xusto o que está a ocorrer. Non é xusto que os veciños de Valeixe estean desatendidos máis de 3 meses”. Piden unha solución permanente, “non queremos máis parches”. Recordan tamén que durante máis de 35 anos tiveron médico diario na localidade e critican que agora sofren unha “desatención” por parte da Sanidade. “Médico en Valeixe xa!”, levan berrando todo este tempo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here