O Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas citou á secretaria particular do exalcalde da Cañiza (Pontevedra), Miguel Domínguez, do PP, e a outros dous traballadores municipais, en calidade de investigados, pola retirada de documentos do Concello 48 horas antes de que tomase posesión o novo alcalde, o socialista Luis Piña.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes coñecedoras do caso, estas tres persoas deberán declarar no xulgado a principios de xullo, e están a ser investigadas por infidelidade na custodia de documentos. A instrución xudicial atópase en fase de dilixencias previas.
Os feitos que se investigan foron denunciados ante a Garda Civil polo PSOE da Cañiza hai uns días, e sucederon o 13 de xuño, dous días antes do pleno no que quedou constituída a nova corporación, presidida polo socialista Luis Piña (tras 40 anos de gobernos do PP).
Ao mediodía dese xoves, varios veciños alertaron a membros do PSOE de que operarios municipais estaban a retirar, nos seus coches particulares, archivadores e cartafoles de documentos do Concello. Tras alertar á Garda Civil, os axentes interceptaron un dos coches, aínda que un segundo vehículo marchou do lugar cargado de documentos.
Segundo informou o propio PSOE da Cañiza, a trintena de arquivadores intervidos (con documentación sobre dietas de Alcaldía, ou memorias da Festa do Xamón, entre outra información) foron precintados e postos a disposición xudicial. Ademais, o xulgado, no marco desas dilixencias previas, reclamou, e xa recibiu, as gravacións das cámaras de seguridade do Concello.