O número catro na lista de candidatos do PP nas eleccións municipais en Mondariz, Roberto Corredoria Alonso, foi condenado en 2011 polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Vigo e declarado “en paradoiro descoñecido” e “en situación procesual de rebeldía”. É, ademais, irmán da número un e candidata a coller o bastón de mando no Concello mondaricense, Ana María Corredoira Alonso.
Os feitos polos que foi condenado Roberto Corredoria Alonso remóntanse ao 14 de setembro de 2004, cando Recreativos Portas, S.L. –empresa sita en Vigo– subscribiu un contrato con Distribuciones Moroy, S.L. (Ponteareas), daquela xestionada por Moisés Rodríguez Gil e o propio Roberto Corredoria Alonso. A empresa viguesa presentara unha demanda nos xulgados contra a empresa e os dous socios por impagos dos demandados que rematou cunha sentenza do 13 de outubro de 2011 ditada pola maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Vigo, María Isabel Castro Martínez.
Na sentenza, na que se estimou integramente a demanda promovida por Recreativos Portas, S.L., a xuíza condenou os acusados a “aboar solidariamente á demandante a cantidade de 29.239,93 euros, máis xuros legais desde a interposición da demanda, con expresa imposición aos demandados das custas procesuais causadas nesta instancia”.
A sentenza declaraba, ademais, os demandados “en paradoiro descoñecido” e “en situación procesual de rebeldía”. E así foi publicado o xoves, 8 de agosto de 2013, no número 51 do Diario Oficial de Galicia.
Con todo, e malia que asume que “todos temos un pasado e no meu caso iso é así, fun condenado e é vox populi“, defende que non tiña coñecemento da débeda que a empresa que xestionaba daquela –Distribuciones Moroy– mantiña coa demandante –Recreativos Portas– e achácaa ao seu ex-socio, Moisés Rodríguez Gil. “Eu non sabía nada diso, era unha cuestión do meu socio; de feito, entereime anos despois. Isto zarrapicoume, que lle imos facer”, asegura.
Desde Recreativos Portas tamén recoñecen que aínda que ambos os dous empresarios foron demandados, “o problema do impago tivémolo directamente con Moisés Rodríguez Gil”, que era co que negociaban, segundo fontes desta empresa.
MÁIS PROCESOS NOS QUE FOI DECLARADO EN PARADOIRO DESCOÑECIDO
Esta non é a única notificación legal a Moisés Corredoira nin a única vez que foi declarado en paradoiro descoñecido. Este xornal comprobou que no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPDEPO) publicáronse, cando menos, un edicto en 2013 e outros dous en 2014 para citar a Corredoira en varias causas xudiciais por despedimentos.
O primeiro, do Xulgado do social número dous de Vigo, datado o 21 de outubro de 2013 e publicado no BOPDEPO número 210 do 31 de outubro dese ano, fala do “procedemento despido obxectivo individual 462/2013 deste Xulgado do social, seguidos a instancia de dona Verónica Martínez Miranda contra a empresa Roberto Corredoira Alonso, sobre despedimento”, no que “se ditou sentenza contra a que cabe recurso de suplicación e cuxo orixinal obra neste Xulgado para coñecemento da demandada”. E engade: “E para que sirva de notificación en legal forma a Roberto Corredoira Alonso, en ignorado paradoiro”.
Similar edicto, tamén nunha causa por despedimento no Xulgado do Social número 5 de Vigo, publicouse no BOPDEPO número 61 do venres 28 de marzo de 2014. Este fala do “proceso seguido a instancia de dona María José Rodríguez Rivera contra Roberto Corredoira Alonso, en reclamación por despedimento, rexistrado co número despido/cesamentos en xeral 87/2014”, polo que se acordou “citar a Roberto Corredoira Alonso, en ignorado paradoiro, a fin de que compareza na Sala de Vistas deste Xulgado do Social cinco […] para a celebración dos actos de conciliación e no seu caso xuízo, podendo comparecer persoalmente ou mediante persoa legalmente apoderada, e que deberá acudir con todos os medios de proba de que tente valerse, coa advertencia de que é única convocatoria e que os devanditos actos non se suspenderán por falta inxustificada de asistencia”.
Semanas despois, no número 83 do BOPDEPO, do 2 de maio de 2014, publicábase outro edicto sobre resolución do Xulgado do Social número catro de Vigo que resolvía a demanda dunha traballadora despedida, Vanesa Pérez Torres, contra Roberto Corredoira Alonso. A sentenza, con data do 14 de abril de 2014, declaraba o “executado Roberto Corredoira Alonso en situación de insolvencia total por importe de 9.131 euros, insolvencia que se entenderá para todos os efectos como provisional”. E declaraba a Corredoira, de novo, “en ignorado paradoiro”.
CORREDOIRA DEFÉNDESE
Como xustifica Roberto Corredoira que fose declarado en paradoiro descoñecido en tantas ocasións? Segundo el, “por un defecto de forma nas notificacións” xudiciais, o cal cualifica como “danos colaterais” para el.
“Cando me separei, mudei de domicilio e non as estaban enviando ao correcto”, afirma., Resignado, engade: “Que lle imos facer. Iso está aí, no DOG e no BOPDEPO, e non se pode negar”.
Sobre os casos de despedimentos polos que foi citado aos xulgados, tamén se defende: “Eu tiven moitos empregados e só tres demandas por despedimentos. A crise foi moi dura para todos, tamén para min e a miña empresa, e tiven que despedir xente, pero foron despedimentos normais e correntes”, subliña Corredoira, que cualifica eses casos dos que fala como “tres mazás podres que só buscaron represalias contra min”.
A CUESTIÓN ÉTICA
En tempos nos que as demandas de transparencia e de ética e moralidade se acrecentaron sobre aqueles que xestionan ou pretenden xestionar os recursos públicos, Corredoira asegura non estar preocupado polo seu pasado xudicial. Insiste en que “todos temos un pasado” e di seguro de si mesmo: “Eu non teño medo nin nada que ocultar. O que hai está aí e calquera pode velo, simplemente buscando en Google. E teño a conciencia moi tranquila porque nunca obrei de mala fe con ninguén”.
Na súa argumentación introduce, curiosamente, como comparación, o caso de Cristina Cifuentes, ex-presidenta da Comunidad de Madrid polo Partido Popular: “Cando un ten medo, agóchase. Pero eu non teño nada de que agocharme. Isto non é como o caso de Cifuentes e o roubo das cremas“, e que a levou a dimitir.
Así pois, non se considera inhabilitado desde un punto de vista ético para presentarse nunha lista electoral e optar a un posto de concelleiro. “Un pode equivocarse na súa vida”, di. “E o que é xusto ou inxusto, cada un valórao á súa maneira. A min pareceríame inxusta a miña candidatura se me presentase co propósito de vivir da política. Pero ese non é o meu afán. Non teño nin a máis mínima intención de aproveitarme das arcas públicas, como si fan outros. Ademais, vou de número catro na lista, e pode que nin saia elixido”, argúe (o PP obtivo nas últimas eleccións municipais en Mondariz tres concelleiros).
É máis, afirma que se presenta “de xeito altruísta”, coa única intención de “arroupar” a súa irmá, número un da lista e candidata á Alcaldía, Ana María Corredoira Alonso.
O PARTIDO, AO TANTO
Afondando sobre a idoneidade ou non de que unha persoa condenada pola Xustiza forme parte dunha candidatura electoral, Roberto Corredoira vai máis aló e recoñece que “o partido [PP] é consciente disto, coñece o meu pasado e ninguén está preocupado por iso, nin eu nin o partido“. É máis, “por suposto que a miña irmá o sabe, pois coñece perfectamente a miña vida”, engade.
Defende que igual que o seu pasado “é verdade”, a do PP “é unha candidatura da verdade e non ten nada que ocultar” (o lema do partido é, precisamente, “Somos garantía, somos verdade”). “Non temos que agocharnos de nada”. “O que me aconteceu é verdade, e teño que comerme o meu pasado, pero teño a conciencia moi tranquila“, insiste.
“CAMPAÑA CONTRA O PP E A MIÑA IRMÁ”
Aínda que di “comprender” que estes feitos relacionados co seu pasado, ou o de calqueroutro candidato, salten aos medios, denuncia que en Mondariz existe unha “campaña contra o PP e a miña irmá” que cualifica de “noxenta” e “inmoral”.
Corredoira fai mención a aqueles que os acusan de “querer vivir da política e das arcas do Concello”.
Nese sentido, cre que no municipio hai “catro sectarios facendo unha campaña de acoso e derrubamento contra o PP” e observa o momento político actual con “preocupación”, xa que, engade, “estamos vendo unha política ruín e penosa”.
“Como xa dixen, eu vou na lista só para arroupar a miña irmá, e estannos a facer unha campaña noxenta, atacándonos por todos os lados con temas persoais. A miña nai está a pasalo moi mal. Nós non necesitamos da política para vivir e isto é inxusto“, láiase ante a aparición de montaxes en redes sociais nos que se lles critica e satiriza.
Por último, advirte: “Tomarei medidas ao respecto se procede”, apuntando a posibles demandas xudiciais contra quen considere que atenta contra a súa honra.