InicioCultura600.000 euros para un museo do viño que ocupará todo o castelo...

600.000 euros para un museo do viño que ocupará todo o castelo de Salvaterra

Xunta e Concello pretenden crear un segundo museo do viño nas coñecidas Covas de dona Urraca, no Castelo de Salvaterra, utilizadas para actividades culturais. Colectivos veciñais e a oposición denuncian que xa se gastaron case 200.000 euros noutro espazo da fortaleza co título “Museo - Exposición Casa do Viño” que leva catro anos pechado. "Volvemos aos delirios de grandeza e despilfarrar cartos para que gocen catro", asegura a oposición.

PUBLICADO O

Varios colectivos veciñais, asociacións culturais e partidos políticos da oposición en Salvaterrado Miño están en pe de guerra contra o concello por querer crear un gran museo do Viño que custará case 600.00 euros nun espazo cultural e patrimonial como son as coñecidas como “Covas de dona Urraca”, no Castelo de Salvaterra. Este espazo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), é famoso, precisamente, por ter sido residencia dunha das grandes raíñas galegas, dona Urraca, e por ter sido lugar de importantes batallas, tanto no Medievo como na Edade Contemporánea.

Así, os colectivos SCD Condado, Lazoiro, BNG e PSOE aprobaron un manifesto e iniciaron unha campaña na que critican que o concello pretende agora realizar un novo Museo do Viño nun espazo patrimonial no que non estaba previsto. De feito, lembran que o municipio xa recibira fondos europeos Feder por valor de 199.761 euros que utilizou na coñecida como Casa do Conde, tamén dentro do propio castelo de Salvaterra, para realizar precisamente un “Museo-Exposición Casa do Viño”. Unha obra que, despois de realizarse, leva case catro anos pechada. Os dous complexos ocuparían, prácticamente, a totalidade de todo o castelo.

Oposición e entidades veciñais critican a dilapidación de fondos públicos en proxectos “iguais” e denuncian que a nova iniciativa museolóxica pretende ocupar todo un edificio. Isto implicaría pechar as coñecidas como Covas de dona Urraca –ou Minas de dona Urraca–, o que impediría, por exemplo, realizar actividades culturais como as que se desenvolven na actualidade neste edificio, situado no espazo amurallado, e mesmo vodas.

FIN DE ACTIVIDADES CULTURAIS

Actualmente o primeiro andar do edificio utilizase para actividades das distintas asociacións. Alí realízase o coñecido festival de Poesía do Condado ou exposicións e actos sobre a memoria e o patrimonio local. Ata o mes pasado a Deputación de Pontevedra tivo alí unha exposición dos achados castrexos do sur da provincia.

 

Covas de dona Urraca, no castelo de Salvaterra | Fonte: Concello de Salvaterra

As covas de dona Urraca son un conxunto arquitectónico de gran beleza do século XVII. Recibe este nome en recordo á estancia que utilizou a monarca Dona Urraca durante a batalla que mantivo coa condesa Teresa de Portugal. O proxecto de creación dun segundo museo do viño, elaborado polo arquitecto José Antonio Martín Curty, ten un custo de 239.414 euros nunha primeira fase e de máis de 300.000 nunha segunda fase.

PROMOCIONAR O VIÑO

Segundo recolle o proxecto, que foi aprobado por decreto do concello sen ningún tipo de acordo coa oposición, o obxectivo do Goberno popular é “ubicar o Museo da Enoloxía do Condado do Tea nunha edificación de propiedade municipal no casco urbán, no Concello de Salvaterra de Miño, capital do viño do Condado do Tea, para dar a coñecer e poñer en valor os viños e a súa elaboración, constituíndo un recurso turístico relacionado co viño como elemento característico da zona”.

Precisamente, a xustificación do equipo popular que goberna o municipio é pola importancia do sector vitivinícola, nun termo municipal no que hai 18 adegas. A súa intención é facer dese museo do viño o lugar onde se poidan ver todas as referencias que se elaboran en Salvaterra. O obxectivo final –igual que xa se anunciara para a Casa do Viño no Pazo do Conde– é “facilitar información sobre a zona e os procesos de produción do viño”.

DIÑEIRO DA XUNTA

Pero o que chama a atención deste proxecto é o financiamento que recibe por parte da Xunta. De feito, a case totalidade dos cartos procederán de distintos departamentos galegos. O Concello de Salvaterra só aportará 941,42 euros. O resto serán de Turismo de Galicia, a Axencia de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Vicepresidencia da Xunta. O primeiro ente aportará 106.00 euros e os dous últimos, 100.000 euros.

Covas de dona Urraca, no castelo de Salvaterra, onde se pretende facer o Museo do Viño | Fonte: Concello de Salvaterra

E neste proxecto chama a atención a participación da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que dirixe Alfonso Rueda. Hai quen ve nesta axuda un criterio político, dada a condición de Rueda como presidente do Partido Popular de Pontevedra e a súa intención de poder optar á Presidencia da Deputación de Pontevedra.

CRÍTICAS

“Non é lóxico que este proxecto teña entrado por decreto. Por iso nos mobilizamos”, apunta Xosé Antón Outeiro, “Tití”, portavoz do BNG en Salvaterra, que non entende como se quere facer un novo museo do viño cando xa se gastaron 200.000 euros noutro proxecto case idéntico que “está pechado”.

“Non estamos en contra do museo do viño pero si que se monopolice todo o inmoble das minas de dona Urraca e que se lle pechen as portas á actividades de colectivos de Salvaterra e da comarca”, apunta Tití en declaracións a GC. O voceiro do BNG recoñece que o viño representa unha actividade económica importante na comarca que que xera moitos postos de traballo, pero entende que xa hai espazos museolóxicos que poden cumplir a tarefa dese museo, como é a Casa do Conde.

“Por iso nos opoñemonos a que todo un BIC se acapare para facer esta infraestrutura e que se peche para amosar actos da nosa historia e patrimionio. O patrimonio é de todos e non se pode pechar case todo o castelo para facer un museo monográfico”, denuncia.

“DELIRIO DE GRANDEZA”

“Isto é outro delirio de grandeza do alcalde, como outros aos que nós ten acostumado e que quedará para disfrute de catro”, apunta pola súa banda Rocío Bernárdez, voceira municipal do PSdeG. Así, destaca que se van investir 600.000 euros nun megaproxecto que logo van ter que soster os veciños de Salvaterra. “E como se gasta semellante cantidade de diñeiro niso cando aínda case nin temos o saneamento feito”, quéixase en declaracións a GC.

“Agora resulta que queren montar un museo do viño nun lugar de referencia para toda a cidadanía e que nos custou moito recuperalo”, di ao lembrar que ata fai relativamente pouco a fortaleza era propiedade da familia Alba. “Ao final vai pasar igual que a casa do viño que está pechada desde hai tres anos e que se abre só baixo petión dalgúns vips”, denuncia.

Tamén fontes consultadas de Lazoiro din que non se trata de oporse á construción dun Museo do Viño, porque ninguén se opuxo cando se anunciou que se ía facer na Casa do Conde. “Pero un goberno non pode anunciar da noite para a mañá que todos os edificios das murallas van pasar a un único uso sen posibilidade de seguir sendo gozados polo resto dos veciños”, critican.

Este pasado venres, o concello organizou unha xuntanza cos hosteleiros para informar do proxecto. Non se convidou nin a oposición, nin aos colectivos sociais e culturais da comarca, que decidiron asistir pola súa conta. E alí deon a súa versión, lembrando que hai un imoble ao carón de onde queren facer o novo museo do viño no que se gastaron 200.00 euros e que está pechado. E que os gobernantes de Salvaterra “non fan o que prometeron”, nin miran “pola posta en valor do patrimonio que tamén é unha fonte de diñeiro e turismo”.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...