Tres veciños de Mondariz son investigados por 13 roubos en segundas vivendas

O modus operandi era sempre o mesmo: aproveitar cando non quedaba ninguén nas residencias.

Material incautado pola Guarda Civil na operación/ Guarda Civil

A Garda Civil detivo a tres veciños de Mondariz, dous homes e unha muller, como presuntos autores de algo máis dunha ducia de roubos en vivendas cometidos durante os últimos meses en varios municipios desta provincia.

En senllas operacións levadas a cabo durante a última semana por efectivos da Garda Civil da Compañía de Pontevedra e do Posto Principal de Ponteareas, conseguiuse identificar e deter aos presuntos autores dunha serie de roubos que viñan producindo desde o mes de xaneiro deste ano no interior de vivendas na comarca de Pontevedra e do Condado- Paradanta.

As pescudas que viñan realizando contorna a tres novos sospeitosos, dous homes e unha muller, que xa foran detidos infraganti o pasado mes de maio no interior dunha vivenda en Ponte Caldelas, adquiriron consistencia a raíz do achado dunha pegada dixital da moza noutro dos cinco roubos en vivendas que se estaban investigando nos municipios de Ponte Caldelas e A Lama.

As investigacións concluíron que esta moza, acompañada dos outros dous homes, un deles a súa parella sentimental, foran os presuntos autores materiais de 13 roubos en vivendas: 5 en Ponteareas (2 no núcleo urbano, 1 en Santiago de Oliveira e 2 en Guillade); 2 en Mondariz ( Mouriscados); 1 nas Neves ( Batalláns); 3 na Lama ( Gaxate, Antas e Seixido), 2 en Ponte Caldelas ( Forzáns e Tourón) e un furto noutro domicilio en Covelo, onde subtraeron un reloxo de ouro que venderon nun local de compra venda de obxectos usados por 1.500 euros.

Durante o desenvolvemento das investigacións púidose comprobar que, ademais da proximidade xeográfica dos municipios afectados por este tipo de roubos, existía unha gran similitude no modus operandi da práctica totalidade dos casos investigados.

Usaban o mesmo ou parecido procedemento para entar nos inmobles e seleccionaban vivendas deshabitadas, utilizadas como segundas residencias ou durante os períodos vacacionais.

A estreita colaboración e o intercambio de información entre o Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Pontevedra e o Posto de Ponteareas, permitiu a localización e detención destes tres sospeitosos que se atopaban residindo no municipio de Ponteareas, todos eles cun amplo historial delituoso por delitos similares.

As pescudas concluíron coa recuperación dunha importante cantidade de efectos en distintos establecementos de compra venda de obxectos de segunda man e no rexistro do domicilio dos dous membros da parella detida, aos que se lles atribúe tamén a comisión de senllos delitos contra a seguridade viaria por conducir sen permiso.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de Garda de Ponteareas que decretou o ingreso na prisión da Lama.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here