InicioMedio Ambiente e PatrimonioAdenco, case tres décadas de xeiras micolóxicas: "Non vale preocuparse polo medio...

Adenco, case tres décadas de xeiras micolóxicas: “Non vale preocuparse polo medio só o día da árbore”

PUBLICADO O

As Xeiras Micolóxicas do Grupo Ecoloxista ADENCO chegan este ano á súa vixésimo novena edición, realizándose de maneira ininterrumpida desde a constitución deste colectivo no ano 1990.

“As Xeiras son un referente no mundo da micoloxía no sur da Provincia de Pontevedra e supuxeron no seu momento a chegada da ecoloxía á micoloxía, con actividades abertas á sociedade, dirixidas a nenos e adultos, co propósito de descubrir o reino dos fungos, que aínda hoxe esconde segredos destacables”, subliñan desde Adenco.

Este grupo ecoloxista desenvolve, como vén sendo habitual, no último fin de semana de outubro, varias actividades no Concello de Mondariz Balneario, epicentro histórico no mundo da micoloxía no sur de Galicia.

E desde Xornal de Vigo entevistamos a Anxo Fernández Saborido, presidente de Adenco, que fala con nós de biodiversidade, cambio climático, conservación e outros moitos temas, cos cogomelos como nexo condutor.

Fermoso fungo/ Facebook de ADENCO

P- Por que consideran o Concello de Mondariz-Balneario como o máximo expoñente en cogomelos do sur de Galicia?

R- Porque organízanse actividades desde 1990, e naquela época constituían algo excepcional. Cociñeiros de reconocido prestixio achegáronse a estas primeiras xeiras que programamos, algo que se cadra perdimos un pouco co tempo.Tamén acudiron científicos, como Marisa Castro ou Luís Freire. E a xente comezou a difundir os valores da micoloxía.

P- Cales son estes valores?

R- Nós o que queremos difundir é que os cogomelos son seres vivos, que relizan a función de “varrer” o monte, descompoñen e crean substrato. Isto é o que queremos relatar, non son xeiras adicadas á simple recollida dun comestible.

Anxo F. Saborido, primeiro pola esquerda, nunha entrega de premios/ Comarcas na rede

P- Por que non valoramos o seu rol e pensamos neles como algo menor?

R- Inflúe moito a historia que levan aparellada, asociados a meigas, a drogas… Algúns si son perigosos, outros teñen propiedades incluso medicinais. Aínda predomina en Galicia a percepción de que son “comida de pobres”, é algo metido na cabeza de moitas persoas. E a realidade é que chefs reputados están a pagalos especies a bo prezo.

P- Podería resumir as actividades desta xeira?

R- Daremos unha volta polo monte, uns 2 ou 3 quilómetros son suficientes, e apañaremos cogomelos para identificar despois as especies: boletus, cantharellus… Despois, unha charla buscará afondar na familia das cantharellus, pode que atopemos 3 ou 4 variantes diferentes nesta zona. Pecha o ciclo unha exposición que amosa a biodiversidade do lugar.

Fotografía dunha Amanita/ Facebook de Adenco

P- É arriscado ir pola nosa conta a apañalas, aínda co apoio dun manual micolóxico?

R- Si, sempre alertamos do mesmo. A xente non debe coñecer só a especie que está recollendo, senón tamén tódalas as que sexan similares. Cada día arríscase xente sen coñecemento ningún. Os cogomelos son un produto valorado, rico, pero esixen un coñecemento profundo. Os libros de consulta son bos pero non podes guiarte só por unha foto, hai certos coñecementos técnicos que levan tempo asimilalos.

P- Hai especies que se confundan moi a cotío?

R- A xente confunde todo con todo, hai quen confunde boletus con cantharellus sendo totalmente distintas. Ás veces vemos xente dando unhas por outras setas que son como o día e a noite. Non lle atopas a lóxica.

P- E hai cogomelos en perigo de extinción?

R- Moitas especies atópanse en regresión. O ministerio de Medio Ambiente ten unha lista de especies en perigo na que aínda non incluíu a cantharellus cibarius pero está tan en regresión que pouco lle queda. Pasamos dun verán cada vez máis longo ao inverno, e iso aféctalles moito. Ninguén pode negar xa o cambio climático.

P- Pero se só un tolo atacaría un lince, case ninguén sabe se unha especie micolóxica está en perigo ou non, e pode apañala por descoñecemento e sen outorgarlle importancia…

R- Falta moita cultura micolóxica. Non se coñece que só se pode recoller 2 kg de cada especie por día, e hai quen vai e arrasa con todo. Tamén hai que evitar apañar os cogomelos pequenos.

Recordando unha manifestación polo Tea/ ADENCO, Facebook

P- Todo o mundo sabe o de “pezqueñines no”, pero quen aplica o mesmo cos cogomelos?

R- Nós, precisamente, non somos unha agrupación gastronómica, senón que traballamos para a concienciación. E advertimos moito diso. A necesidade de deixar no monte os exemplares moi novos e tamén os máis vellos, que xa non valen para o consumo pero continúan realizando unha función.

P- Ademais dos champiñóns, cultívanse outras especies?

R- Os cogomelos teñen un proceso de reprodución moi complexo. Botan miles e miles de esporas porque a estatística vai en contra. Cultívase o champiñón porque os substratos nos que medra son replicables. Tamén é un mundo aparte, porque chegan ao consumidor nunhas condicións paupérrimas, nin deberían consumirse.

P- Cal é o lugar máis sinalado de Galicia en canto a aparición de cogomelos?

R- Buscar un epicentro biolóxico é moi complicado, posto que non hai un lugar no que medren tódalas especies. Iso si: unha carballeira, por exemplo, ten moita riqueza arredor e é moi probable a aparición de fungos. Nun eucaliptal non crecen os cogomelos.

Nin crecen coa contaminación. O lixo e as construcións urbanas poñen aos chouparros en risco. Vivimos na natureza e ocupamos a natureza limitando as especies, caracterizámonos precisamente por iso, pola severa ocupación dos espazos.

P- Fai balance positivo de todos estes anos de traballo?

R- Si, o positivo é continuar facendo as actividades ano tras ano, sendo unha organización sen ánimo de lucro, formada por voluntarios, asamblearia, horizontal. Calquera socio de Adenco pode participar na toma de decisións. E cada ano súmase xente ao proxecto, outros continúan 30 anos despois, traen ás súas familias.

Traballamos moi duramente na defensa do río Tea, que sufriu ao longo de décadas agresións a tódolos niveis, anos e anos de augas residuais e fecais e contaminación de todo tipo, polo que xa se abriron moitos expedientes e se pagaron sancións.

Movémonos por cinco concellos, tentando crear sinerxias e defender a protección do medio, que hai que ter sempre en conta, non só o día da árbore. O medio aínda non se ten en conta nas decisións importantes.

programa

Como xa reflectiu Anxo Saborido, as persoas interesadas poderán participar nun roteiro micolóxico guiado polos montes do Concello, asistir a unha conferencia sobre o mundo das cantarelas e ver e aprender cunha exposición de cogomelos, durante os próximos 27 e 28 de outubro.

Desde Adenco intentan “continuar cun traballo xa con matices de actividade histórica, con case tres décadas de existencia, pero sen perder o obxetivo de difundir o valor dos cogomelos dentro do noso ecosistema, dando a coñecer as diferentes especies e a súa función no noso monte”.

Como sempre, a última fin de semana de outubro é o punto de comezo das actividades. O sábado, ás 10:30h, desde o Concello, sairán ao monte a recoller diferentes especies e coñecer as súas funcións no ecosistema.

Pola tarde, desde as 19:30h, no auditorio do Concello, contaremos coa presenza de Jaime Blanco Dios, micólogo de recoñecido prestixio, que abordará no seu relatorio o mundo das cantharellus, sempre de grande interese entre o público.

O domingo pola mañá, entre as 11h e as 14h, exporanse as diferentes especies recollidas nos montes da Comarca nos soportais do Concello. As actividades son de acceso libre e gratuíto, sen necesidade de apuntarse previamente.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...