InicioSucesosUn garda civil acusado de extorsión e suborno nega que aceptase agasallos...

Un garda civil acusado de extorsión e suborno nega que aceptase agasallos por parte dun empresario

O acusado sostén que mantiñan unha relación de "colaboración".

PUBLICADO O

Un xurado popular decidirá sobre a culpabilidade dun sarxento da Garda Civil que este martes se sentou no banco da Audiencia de Pontevedra acusado os delitos de extorsión e suborno e que declarou a súa inocencia.

Segundo explicou durante a vista oral, cando estaba destinado no posto fiscal de Tui, ao longo do ano 2015, estableceu unha relación persoal cun empresario do sector do transporte de combustible por estrada.

O home indicou que coñeceu ao empresario debido á súa condición de axente do instituto armado, xa que participaba en controis de inspección de documentación de camións de transporte de hidrocarburos, entre os que se atopaban os camións deste empresario.

Segundo a Fiscalía, o sarxento esixiulle ao empresario, “con ánimo de obter un indebido beneficio económico”, que lle regalase un reloxo de alta gama marca Baume, “aproveitando que dada a profesión do acusado e as súas facultades” o citado empresario “debía atender a súa solicitude para evitar que o acusado puidese entorpecer a actividade da súa empresa realizando controis e inspeccións aos seus camións”.

A acusación particular engade que non só foi un reloxo, se non que tamén lle regalou un teléfono de alta gama, caixas de botellas de viño, convidoulle a comidas en restaurantes caros e fíxolle o favor de contratar na súa empresa á muller dun compañeiro tamén garda civil.

Na súa declaración, o acusado asegurou que o empresario era o seu confidente, que “as informacións que daba eran veraces”, e que mantiñan unha “relación de colaboración” aínda que, despois, deuse conta de que con aqueles chivatazos o que o empresario pretendía era “eliminar á competencia do sector”.

Daqueles soplos derivaron importantes operacións relacionadas coa fraude do gasóleo e, segundo o garda civil, con aquela colaboración a situación financeira do empresario “mellorou substancialmente”.

O acusado admitiu que cada vez que saían xuntos e paraban a comer era o empresario quen pagaba, admitiu o da muller do seu compañeiro pero rexeitou que aceptase como regalo un teléfono Iphone, descontos no gasóleo para calefacción ou botellas de viño. Respecto ao reloxo, o acusado explicou que o 16 de decembro de 2015 acudiu xunto ao empresario a unha xoiaría da localidade portuguesa de Valença do Miño, onde o empresario adquiriu un reloxo por un prezo de 2.900 euros. Despois de estar a ver reloxos e regateando durante “unha media hora”, cando o empresario rexeitou facer unha factura de compra “movido por un sentimento equivocado de vergoña”, o garda civil ofreceuse a pór os seus datos.

Unha vez que a compra estaba feita, o acusado asegura que o empresario lle dixo que o reloxo era un agasallo para el. O sarxento regresou dous días despois á citada xoiaría, devolveu o reloxo e quedou os 2.900 euros que o xoieiro á súa vez devolveu.

Como proba de toda esta compra, a Fiscalía achegou a declaración do dependente portugués, a factura a nome do garda civil, o ticket de devolución e mesmo conversacións de whatsappp nas que o acusado fala co empresario sobre os reloxos que lle gustan. Segundo o acusado, ese diñeiro entregoullo despois ao empresario, algo que este negou.

O EMPRESARIO NÉGAO

Durante a súa declaración, o empresario negou ser “confidente de ninguén” e dixo que, lonxe de beneficiarse pola súa relación co sarxento, perdeu “clientes en Tui” debido a que a Garda Civil “estaba continuamente parando os camións”.

A Fiscalía apunta que o empresario “compelido polo temor fundado a sufrir represalias por parte do acusado” entregoulle a este o reloxo como agasallo “tendo en conta da súa condición de garda civil e as súas competencias en materia de supervisión da regularidade no tráfico rodado”.

Entende o Ministerio Público que estes feitos son constitutivos dun delito de extorsión, coa circunstancia agravante de prevalimiento do carácter público do acusado, polo que solicita ao tribunal que sexa condenado a catro anos e tres meses de prisión, e a suspensión de emprego e cargo público durante o tempo da condena.

Subsidiariamente, a Fiscalía apunta que procede impor ao acusado polo delito de suborno a pena dun ano de prisión, e a suspensión de emprego e cargo público por tempo de tres anos.

ÚLTIMAS

O TSXG confirma a condena a comuneiros de Cabral, que deben reverter as obras dun parking en Peinador

OO Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou o fallo do Xulgado do Contencioso-Administrativo número...

O BNG de Vigo denuncia a falta de auga potable no IES de Beade, e goberno local e Xunta cúlpanse mutuamente

O grupo municipal do BNG en Vigo denunciou este luns que o IES de...

A Deputación envía ao Concello o convenio para a bancada de Gol, que podería asinarse “esta semana”

A Deputación de Pontevedra enviou este luns ao Concello de Vigo o convenio para a reforma da bancada de...

A taxa de criminalidade increméntase no primeiro trimestre un 5,3% en Vigo

A taxa de criminalidade creceu un 16,4% no primeiro trimestre deste ano na cidade...