MUMI 2021, cando as músicas galega e portuguesa abren os seus propios camiños

O MUMI (Músicas no Minho) é un encontro do 9 ao 11 de setembro onde os profesionais da música, as persoas que viven desta arte nunha e noutra banda do Miño, poderán compartillar experiencias e crear intercambios profesionais. Será un espazo aberto ao público mais tamén alí onde se comunicarán dous mundos musicais que até o de agora non deran co lugar para facelo.

Cartel MUMI 2021

Músicas no Minho (MUMI) é unha resposta ao “baleiro” existente en canto intercambios profesionais entre o mundo da música galega e da portuguesa. É unha feira, un expositor ou unha plataforma onde produtores coñecerán músicos, músicos coñecerán novos públicos e todo para crear sinerxías empresariais que fomenten as relacións de traballo entre as variedades musicais entre o norte e o sur do Miño. A eurocidade Tui-Valença será o lugar onde se enmarcará este primeiro MUMI de cara a ir consolidando a experiencia para futuras edicións, polo menos a medio prazo.

QUE COUSA É?

O MUMi é un encontro que convoca a profesionais do sector musical e cultural galego e portugués co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas. A feira reunirá a artistas/bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción para compartir ideas, crear sinerxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa. Así reza no seu cartel.

Manuel Vicente “Roxo”, un dos nomes detrás da iniciativa, explica que o MUMI “nace da frustración porque en Galicia non había espazos abertos para o encontro profesional entre músicos de aquí e de alí”. Así foi como decidiron actuar: “xa que as administracións non abren o camiño, facémolo nós”. “Roxo” recoñece que “foi difícil mais aí temos a primeira edición, temos o compromiso da eurocidade Tui-Valença e isto permítenos ver un raio de luz”.

As raíces comezaron a materializarse cando, sen plano ningún sobre a mesa, o evento foi tomando forma xuntando entre catro axencias galegas e catro portuguesas. “Somos quen facemos o traballo e con esta fórmula pensando en medio prazo, dous ou tres anos de encontro, o resultado é barato para as administracións”. Aínda así, é necesario que o resultado final resulte rendible e para iso é importante a participación pública e privada.

“Queremos demostrar que o ir e vir de artistas desde Portugal a Galicia ou ao revés pode facerse no día en moitos casos” apunta “Roxo”. “O panorama estaba moi atomizado en Galicia, así que un dos obxectivos que buscamos acadar é o de ter un selo propio, por iso xuntármonos é necesario”. Así insiste en que as posibilidades de crear novas vías permitiría unha cooperación como colectivo entre todos os segmentos do sector da música. “O MUMI é unha feira onde a xente vende e merca, onde os artistas entrarán en contacto con produtores que doutra maneira non terían posibilidade de coñecerse”.

UNHA EXPERIENCIA

Xacobe Martínez Antelo é un dos músicos participantes neste MUMI 2021. Como moitos e moitas intérpretes, ofrecerá unha perspectiva novedosa da música feita en Galicia. Antelo organizou en 2020 a Orquestra Galega de Liberación, un conxunto de músicos que agora suma profesionais portugueses para crearen a Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación.

“Imos ser dezaoito músicos en escena facendo un traballo de composición a tempo real, unha vía non escolástica de tocar” describe Antelo. Aquí é onde entra a novidade que a Orquestra ofrecerá ao público e aos demais sectores profesionais da música. “Tocarase de maneira improvisada en tempo real, para realizar isto elaborase un material consistente en aprender linguaxe de signos aos músicos para que as diferentes seccións se coordinen”.

A actuación da Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación abrirá o MUMI no espazo da eurocidade, algo que para Antelo supón “ocupar o espazo dunha cita que reúne persoas con moitos anos de experiencia ademais de darlle sentido ao todo o traballo que realizamos”. Sobre o estado das cousas dentro do panorama musical en Galicia o músico responde “calquera oficio é complicado e marabilloso ao mesmo tempo, por iso creo que dar unha resposta agora é complicado”.

De todas maneiras, MUMI abre camiños de conexión que poderán levedar ou non, mais é a primeira pedra para construír un espazo de intercambio profesional na música galega coa portuguesa, espazo que permanecía pechado até hai pouco.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here