InicioSucesosO pleno de Tui aproba por unanimidade presentarse na causa xudicial e...

O pleno de Tui aproba por unanimidade presentarse na causa xudicial e pedir zona catastrófica

Os veciños insisten na necesidade de que o fondo de emerxencia sexa ampliable e piden que se lles exima do pago das taxas municipais.

PUBLICADO O

O pleno da Corporación de Tui aprobou por unanimidade o Fondo de Emerxencia social polo que se habilitará para os afectados da explosión un millón de euros ampliable, con cargo ao remanente de tesouraría; e tamén solicitar ao Goberno central a declaración de zona catastrófica (zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil).

No pleno estiveron presentes numerosos veciños da parroquia de Paramos e afectados pola explosión do pasado mércores día 23, que, salvo pola breve irrupción dun dos afectados, permaneceron en silencio e respectaron a orde do día, até poder intervir na quenda de rogos e preguntas, onde expuxeron diversas cuestións.

Entre elas, incidiron na necesidade de que o Fondo de Emerxencia sexa “ampliable”, “porque se vai necesitar”. En concreto, para este fondo aprobouse unha modificación de crédito por un millón de euros, co fin de atender as necesidades perentorias dos afectados, e, a proposta de Miguel Ángel Capón, de Alternativa Tudense, engadiuse que esta cantidade será “ampliable”.

Explosión de Tui/ Miguel Núñez

No relativo á solicitude de declaración de zona catastrófica, o conxunto de concelleiros aprobou un acordo para adoptar medidas encamiñadas a axudar aos prexudicados que, por mor da magnitude da explosión, perderon por completo ou viron seriamente danadas as súas vivendas, así como para satisfacer as necesidades básicas e esenciais que teñen os afectados.

Igualmente, acordouse que o Concello de Tui presentarase como acusación particular no procedemento xudicial iniciado, para esixir as responsabilidades penais e de calquera outra orde que deriven destes feitos. Finalmente, solicitará a axuda e auxilio das distintas administracións públicas: Unión Europea, Goberno estatal, Xunta e Deputación.

O PSOE propuxo no transcurso do pleno incorporar a este último acordo un punto para manifestar a vontade da Corporación de adoptar todas as medidas urbanísticas necesarias e elevalas ás administracións que procedan para rehabilitar ou restaurar as vivendas como antes da catástrofe; cuestión que foi aprobada por unanimidade.

OUTRAS PETICIÓNS DOS VECIÑOS

Os veciños tamén reclamaron ao Concello que pida á Deputación de Pontevedra que se implique cos afectados. En relación con iso, o alcalde manifestou que a Corporación enviou cartas tanto á Deputación como á Xunta e ao Goberno central para que “concreten os seus compromisos”, e indicou que se está “esperando resposta”.

Así mesmo, a portavoz da plataforma de afectados, Lupe Pérez, apuntou que nestes acordos “non se estableceu nada sobre taxas municipais“, dos que considerou que se lles debería eximir após a catástrofe. O rexedor comentou que unha das cuestións que se aproban coa zona catastrófica é a exención do IBI, e ademais agregou que fará que, dentro do que permite a lei, os veciños “non paguen as taxas ata que se normalice a zona”.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Outra veciña, que dixo intervir de parte dos familiares dos falecidos, preguntou que vai facer o Concello e que tipo de axudas vai recibir esta familia. Vázquez Padín indicou que a declaración de zona catastrófica tamén inclúe axudas por falecemento, danos persoais e invalidez permanente, e dixo que propuxeron un evento civil en recordo destas persoas.

RECORDO AOS AFECTADOS

O alcalde iniciou o pleno municipal indicando que aínda que se trata dun pleno de convocatoria ordinaria, é “extraordinario pola súa significación e importancia” debido ao que pasou no concello o 23 de maio, e quixo ter “un recordo especial a todos os afectados, e moi especialmente ás dúas persoas falecidas”. Após iso, houbo un minuto de silencio.

A colación dun dos puntos debatidos no pleno, un dos veciños fixo unha intervención espontánea, pola que chamou a pedir axudas tamén á Unión Europea. “As casas son máis importantes, tamén hai que pedilo á Unión Europea”, espetou.

ORZAMENTOS APROBADOS

No punto relativo á aprobación inicial do orzamento xeral para o ano 2018 de Tui, os grupos da oposición (BNG, PSOE, Alternativa Tudense e Son de Tui) pediron non aprobalo de momento e deixalo encima da mesa para poder engadir partidas destinadas aos afectados, entendendo que hai que ser “sensible” coa traxedia e “ter en conta” as necesidades dos veciños.

“É oportuno neste momento, aínda que veñan axudas doutras administracións”, mantivo o edil de Son de Tui, Laureano Alonso; ao que Miguel Ángel Capón, de Alternativa Tudense, agregou que “só o desescombro vai custar un millón de euros“. Tamén a nacionalista Carmen Núñez comentou que o que ocorreu en Paramos “require medidas excepcionais”, e o socialista Enrique Cabaleiro remarcou que se precisa un orzamento que “atenda as novas necesidades”.

Pola súa banda, o alcalde, Carlos Vázquez Padín, asegurou que os veciños son “a principal prioridade”, pero apuntou que non cre que “non aprobar os orzamentos sexa a mellor forma de facelo”. Así, explicou que os novos orzamentos incorporan 600.000 euros máis que os prorrogados, e con iso pódense facer “transferencias e modificacións de crédito para aproveitalos para a traxedia”.

Neste contexto, o rexedor tamén propuxo a partir do próximo mes de setembro elaborar entre todos os membros da Corporación os orzamentos para 2019, “con prioridade en Paramos”. Nesta proposta contou co apoio dos grupos de goberno (Converxencia 21, PP, Ciudadanos Tudenses e Alternativa Popular de Tui).

Desta forma, e após repetir as votacións ao haber empate (oito votos a favor do grupo de goberno, oito en contra da oposición e unha abstención do concelleiro non adscrito), que finalmente se rompeu co voto de calidade do alcalde, Tui aprobou o orzamento de forma inicial despois de catro intentos anteriores.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...

Reunión de axentes sociais da eurorrexión en Vigo para preparar o Estatuto do Traballador Transfronteirizo

Representantes da Xunta reuníronse este martes na sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial...