A veciñanza de Paramos comeza a asumir as tarefas de desentullo ante a pasividade da administracións

Se non aumentan as partidas presupuestarias, as vítimas da explosión de Paramos veranse obrigadas a pagar do seu peto boa parte da reconstrución.

Traxedia en Tui
Protesta diante da catedral dos veciños de Paramos/Miguel Nuñez

Algunhas da vítimas da explosión de Tui están a facerse á idea de que terán que asumir as tarefas de desentullo da zona 0, posto que, despois de que inicialas o Concello, as administracións galega e española non dan sinais de vida ao respecto.

Ademais, as partidas aprobadas ata esta data semellan a todas luces insuficientes para costear que as vidas dos veciños retornen á normalidade, con 66 vehículos danados e numerosas vivendas habituais e tamén secundarias (ata agora esquecidas pola administración) esnaquizadas.

En Marea reclama un incremento de 5 millóns de euros nas partidas que a Xunta de Galicia destinará á reparación dos danos causados pola explosión do almacén pirotécnico de Paramos, en Tui.

É a proposta que esta formación porá sobre a mesa aproveitando o debate dos orzamentos para 2019 que o luns se inicia no Parlamento de Galicia. Polo momento, ningunha administración asumiu aínda as tarefas de desentullo da zona 0, “que amosa unha imaxe practicamente idéntica á que lucía trala explosión de maio”, denuncian.

A situación en Paramos, interior dunha casa/ Miguel Núñez

Polo tanto, En Marea insta á Xunta de Galicia a asumir o custe do 100% das vivendas danadas pola explosión, sen forzar ás vítimas a poñer dos seus petos boa parte do custe desas reconstrucións. Así o constatan tamén dende a Plataforma de Afectados, coa que o voceiro de En Marea, Luís Villares, se reuniu este venres en Tui.

“109.000 euros non son suficientes para cubrir os danos producidos nas edificacións da zona 0, e se a administración non incrementa o seu compromiso orzamentario a veciñanza verase obrigada a poñer cartos do seu peto para afrontar o custe real das reconstrucións“, salienta Pablo Domínguez, da Plataforma de Afectados, que tamén lamenta o déficit orzamentario destinado á cobertura e subsanación doutros danos, como os 66 vehículos destrozados.

“Entendemos que agora que están a piques de aprobarse os orzamentos da Xunta para 2019 é o momento idóneo para retomar o debate sobre as necesidades pendentes”, indica Villares; que destaca a necesidade de que o goberno galego vaia máis aló das boas palabras e asuma un compromiso explícito cos damnificados de Paramos, que se reflicta de xeito claro nas contas para o vendeiro exercicio.

A situación en Paramos/ Miguel Núñez

A proposta de En Marea pasa por un incremento total do gasto destinado a reparar o dano causado de 5 millóns de euros sobre o compromiso inicial da Xunta. “Reclamamos a cobertura do 100% do valor das vivendas afectadas, sexan primeira ou segunda residencia, e un incremento adicional nas demais partidas”, indica Luís Villares, que tamén apunta a necesidade de que a Xunta teña “un papel preeminente na reconstrución. A veciñanza non é responsable da explosión e non debera pagar nin un só euro do seu peto”.

“Nin a Xunta nin o Estado se comprometeron realmente cos afectados; unicamente o fixeron en parte, e iso é inaceptable”, indica o voceiro, que reclama ademais que os fondos destinados á reconstrución estean exentos de tributación.

“Non falamos de ingresos nin de riqueza, senón de fondos destinados a que a veciñanza, que non ten culpa ningunha do acontecido, recupere a normalidade“, salienta.

A situación en Paramos/ Miguel Núñez

“O Concello (de Tui) asumiu unhas primeiras tarefas de desamiantado da zona 0, pero o desentullo segue sen facer, e a xente estase desesperando”, indica o voceiro do colectivo de damnificados.

“Hai quen está comezando a asumir esas tarefas cos seus propios medios para poder comezar coa reconstrución”, e iso, tal e como destaca o voceiro de En Marea, é “inaceptable”.

Nesa liña, Villares aposta porque sexa unha empresa pública a que se faga cargo dos traballos; algo que permite a Lei de Contratos do Sector público; e que En Marea insta a acometer, en calquera caso, coa máxima urxencia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here