Publícase o Catálogo de Árbores Senlleiras do Concello de Tomiño, ferramenta para a conservación

Carbalo en outono/ Photopin

O Concello de Tomiño xa dispón dun inventario, que comezou en 2016 e 2017, de árbores e formacións arbóreas singulares dentro do territorio municipal. Trátase do Catálogo de Árbores Senlleiras do Concello de Tomiño: unha iniciativa municipal de revalorización ambiental”, publicado pola Sociedade Española de Ciencias Forestais (SECF).

Este catálogo, obra de Mouriño J., da Área de Xestión de Recursos Naturais, e Bernárdez G., do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos da Enxeñaría da USC, foi confeccionado a partir da recompilación de información, a prospección do territorio e a colaboración cos veciños, as comunidades de montes e da Asociación Ecoloxista do Baixo Miño. Aínda que lle outorga prioridade ás especies autóctonas, tamén aparecen rexistradas especies exóticas.

“Como sucede noutras Comunidades Autónomas, en Galicia existe un catálogo de árbores monumentais, o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. (…) Pola contra, no ámbito municipal, as iniciativas ao respecto son escasas, destacando unicamente o Concello de Vigo cun catálogo completo (Fernández-Alonso & Rigueiro, 2001)”, subliñan os autores.

En cambio, “no resto do estado español son máis frecuentes os catálogos de ámbito local, especialmente na vertente mediterránea (p. ej. Savia Arboricultura & Cota Ambiental, 2003; Mérida, 2005; López Martín & Martínez Díaz, 2013)”.

Folla/ Photopin

Os autores consideran que no Concello de Tomiño atópanse árbores cuxa diversidade e peculiaridade merece ser “conservada e posta en valor, desde os puntos de vista ecolóxico, educativo, social e turístico. Para conseguilo, o primeiro paso o constitúe a elaboración dun catálogo no que se recollan a localización e principais características dos exemplares seleccionados como singulares ou monumentais”.

Así que o devandito catálogo se concibe como ferramenta de xestión, para adoptar medidas preventivas e de conservación con estos exemplares; así como unha contribución para revalorizar o turismo no concello.

Todas as árbores e formacións foron xeorreferenciadas, e obtívose información de 227 árbores e formacións, pertencentes a 40 especies, a metade delas autóctonas.

As especies autóctonas mellor representadas son o carballo, árbore predominante nos bosques autóctonos da Galicia atlántica, e a sobreira, característica dos carballais termófilos.

O piñeiro bravo é a terceira especie con maior número de rexistros no catálogo; posto que malia a súa extinción en Galicia, foi obxecto de plantacións forestais nos últimos tres séculos e ata hai pouco constituía a especie principal obxecto da explotación madereira.

Outra especie representada é o salgueiro negro, característica dos bosques de ribeira, como era de esperar dun territorio situado no curso do maior río de Galicia, o Miño. A especie exótica mellor representada no Catálogo é un frutal tradicional con relevancia en ritos relixiosos, a oliveira.

De tódolos xeitos, o Catálogo de Árbores Singulares do Concello de Tomiño créase como un documento aberto a novas incorporacións que se poidan realizar en futuras revisións.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here