Unha comunidade de montes de Tomiño introduce unhas 30 vacas vianesas nun proxecto silvopastoril “pioneiro”

O conselleiro de Medio Rural asegura que a Xunta tratará de impulsar proxectos "semellantes" noutras partes do territorio galego.

O proxecto de Vaquiñas de Pinzás localízase en Tomiño (Pontevedra). XUNTA

A comunidade de montes veciñais en man común de Pinzás, en Tomiño, introduciu unha trintena de vacas de raza vianesa nun proxecto silvopastoril “pioneiro” que contou cunha axuda xestionada pola Xunta de case 150.000 euros, a través do grupo de desenvolvemento rural ‘Eurural’.

O conselleiro de Medio Rural, José González, valorou esta iniciativa, que leva o nome de ‘Vaquiñas de Pinzás’, polo que implica para a xeración de actividade rendible e para anticiparse aos incendios.

“Entronca co aproveitamento da nosa terra desde a tripla vertente de sustentabilidade económica, social e ambiental, buscando a multifuncionalidade, a diversificación e a biodiversidade”, destacou.

Por iso, o conselleiro trasladou que a Xunta tratará de impulsar proxectos “semellantes” noutras partes do territorio galego, apunta Medio Rural nun comunicado. Ademais das máis de 30 vacas autóctonas, o proxecto incorpora tecnoloxía para a xestión do rabaño e o desenvolvemento de programas educativos.