InicioCulturaA clase dirixida a adultos de tódalas idades consolida a labor da...

A clase dirixida a adultos de tódalas idades consolida a labor da Escola de Teatro de Tomiño

PUBLICADO O

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño foi consolidando a súa labor, que comezou hai preto dunha década, e que este curso sumou aos grupos infantil e xuvenís,un de adultos. A experiencia resultou un grande acerto.

Así o testemuña a decena de actores e actrices, con idades comprendidas entre os 25 e os 70 anos. A profe encargada é Beatriz González Campos, actriz, presentadora, narradora e directora teatral.

Ela explica que o de adultos “é un grupo moi diverso que comezou de cero e con idades moi diferentes. “Hai de todo -di- así que os primeiros meses traballamos para conseguir unificar o grupo e que tivese unha linguaxe común. Para min, era moi importante que aprendesen a traballar en grupo e que ademais, entendesen que existen moitos xeitos diferentes de facer teatro, máis alá de chapar un texto de memoria e recitalo”.

Escola de Teatro/ Concello de Tomiño

Os primeiros meses fixeron improvisacións sobre temas próximos a eles e á historia de
Tomiño. Buscaron información sobre O Pisco, a chegada dos kiwis ou a emigración dos seus
antepasados. “Eles investigaban e despois viñamos a clase e improvisaban sobre as historias que traían”, relata Beatriz.

Paralelamente a este traballo, foron facendo escenas, a partir dunha lenda artúrica. “Pasado un tempo decidimos que nos apetecía facer unha obra para mostrarlle o traballo á xente, e agora estamos nese momento ensaiando as escenas da peza “Que é o que queren as mulleres?”, explica.

Trátase dunha creación colectiva, xa que mediante improvisacións os alumnos van facendo eles mesmos o texto, que a monitora vai recollendo e organizando. Este traballo leva máis tempo que memorizar un texto teatral que xa existe, pero é máis creativo, xa que eles convértense en escritores, improvisadores e actores.

“O que me importa é que entendan a situación, que conten o que pasa na escena e que fagan os personaxes, e que o pasen ben, iso é o máis importante” comenta a profesora.
A obra presentarase o domingo 1 de xullo ás 20h30 no auditorio de Goián e leva por título “A lenda da cabeleira negra”.

BEATRIZ CAMPOS

Beatriz Campos é licenciada en arte dramático pola ESAD de Galicia, onde recibiu o premio de interpretación Marta Sieiro, e compoñente da compañía teatral Migallas, fundada pola súa familia.

Actualmente ademais de traballar en Migallas Teatro, vén de estrear un espectáculo de rúa “A tropa do Doutor Milagre”, primeira montaxe da compañía Inventi Teatro, da que tamén é
fundadora.

Traballou como actriz en diferentes compañías de teatro, entre as que destacan Triatreros,
Inversa Teatro, Avento producións, Matreska Teatro ou Arela das Artes. No mundo audiovisual é presentadora do programa “Por algo será” da TVG e participou no programa “Na Nosa Nube” e “Lan Rober”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...