InicioMedio Ambiente e PatrimonioTomiño dedica a Semana da Árbore deste ano a reflexionar sobre o...

Tomiño dedica a Semana da Árbore deste ano a reflexionar sobre o perigo das especies invasoras

PUBLICADO O

O Concello de Tomiño celebra unha nova edición da Semana da Árbore. Este ano o tema central son as ameazas á biodiversidade derivadas da presencia de especies exóticas invasoras no noso territorio.

Para informar e concienciar sobre este problema, na planta superior do Mercado de Tomiño sitúase unha exposición baixo o título “Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza”, realizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). A exposición pode visitarse ata o domingo día 10 de xuño.

Eucaliptos / Emersonik, Photopin

Ademais desta exposición celebraranse, tamén na planta superior do mercado, dúas conferencias. O xoves día 7 de xuño, ás 19.00h, Ramsés Pérez e Paco Bañobre, responsables do Educación Ambiental e do Proxecto Rios, de ADEGA, explicarán a magnitude do problema en Galicia, cales son as principais ameazas, os seus efectos, e posibles intervencións. Se o tempo o permite, haberá unha saída de campo á ribeira do Miño para identificar algunhas das especies de flora invasora máis frecuentes no Baixo Miño.

O venres día 8 de xuño, ás 20.00h, o biólogo Xurxo Mouriño, abordará a problemática concreta que existe no Baixo Miño, e presentará as intervencións que xa se levaron a cabo, en colaboración con Concello de Tomiño, e as que están planificadas para o futuro. A Zona Especial de Conservación (ZEC) do Baixo Miño é a segunda área natural de Galicia con maior número de especies exóticas invasoras.

Nenos e nenas de Tomiño visitan a Fundación Sales / Concello de Tomiño

Nesta edición, non falta o traballo cos nenos e nenas dos colexios de Tomiño. Aproximadamente 200 escolares dos diferentes colexios de Tomiño veñen realizando, durante a semana pasada e a actual, visitas á Fundación Sales, en Vigo, “para visitar o excelente xardín botánico desta fundación e participar en obradoiros relacionados co coñecemento e coidado da natureza”.  Estas visitas están organizadas polo Concello de Tomiño en colaboración con ACUBAM (Asociación Cultivos do Baixo Miño).

En declaracións da Concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, “a Semana da Árbore é un proxecto de información e educación ambiental de longo prazo, que intenta que os tomiñeses e tomiñesas coñezan as riquezas naturais do seu entorno, as ameazas que existen para a súa conservación e que todos e todas poidamos colaborar, na medida do posible, no coidado do máis valioso e diferenciador que temos, os nosos recursos naturais e a nosa paisaxe”.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...