InicioSociedade'Reactívate': Tomiño promove as relacións sociais e calidade de vida dos seus...

‘Reactívate’: Tomiño promove as relacións sociais e calidade de vida dos seus maiores

Risoterapia, informática, cinefórum, escritura creativa, roteiros saudables... son só algunhas das actividades que forman parte do programa de 'Actívate'.

PUBLICADO O

Diminuír o risco de padecer enfermidades, manter un ton físico e cognitivo axeitado e participar de xeito activo na sociedade son os obxectivos principais do programa de maiores “Reactívate”, un plan de envellecemento activo e de hábitos saudables posto en marcha pola Concellería de Benestar Social do Concello de Tomiño, co fin de promover as relacións sociais e a autonomía persoal entre os maiores de 60 anos.

Trátase dun programa ideado para fomentar a vida activa entre a poboación maior, ofrecendo “un completo plan de actividades que lles poidan resultar de interese á vez que útiles para a súa vida cotiá”.

“O obxectivo destes obradoiros, cursos, saídas e actividades é axudarlles a seguir en activo, animalos a saír do seu fogar e a relacionarse con máis xente, tanto da súa idade como máis nova”, explica a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.

Reactívate 2018/ Concello de Tomiño

Esta nova edición do programa comezou o día 6 de novembro, con máis de 20 persoas anotadas, e con variadas actividades pensadas para favorecer a estimulación cognitiva e a mobilidade, pero tamén, fomentar as relacións sociais entre as persoas maiores.

O abano de propostas é amplo e diverso, con actividades para todos os gustos coas que o Concello tenta ir máis aló do habitual, no eido da terceira idade. As sesións desenvólvense todos os martes e venres pola mañá no Centro Vontade, cun custe de 15 euros ao mes.

Risoterapia, informática, ximnasia, pilates e manualidades, ademais de actividades coa comunidade (club de lectura, cinefórum ou roteiros saudables…), dan forma á axenda de traballo para este curso.

Reactívate 2018/ Concello de Tomiño

Asemade, están programados obradoiros de expresión corporal, memoria, escritura creativa e xogos. Varios profesionais especializados teñen ao seu cargo a aplicación do programa: Bibiana Álvarez, educadora social e psicopedagoga, encargada da parte de estimulación cognitiva; Susana Seoane, de Cogami, encargada das actividades físicas, especialmente xerontoximnasia, e Daniel Ozores, da aula CeMIT do Concello, encargado de impartir informática e redes sociais. Xunto a eles, as monitoras Marta e Nelly completan o equipo.

No taller de estimulación cognitiva trabállanse a memoria, a atención, as funcións executivas, a orientación espacial e temporal, a linguaxe, e o cálculo. Faise dun xeito lúdico e de confianza, a través de exercizos e xogos.

“A finalidade non é obter novos aprendizaxes, senón conservar aquelas capacidades que os usuarios aínda manteñen, retardando as enfermidades neuro dexenerativas, procurando a súa autonomía e logrando unha boa autoestima”, explica Bibiana Álvarez.

Reactívate 2018/ Concello de Tomiño

“Fomentar e manter a mobilidade de todas as articulacións do corpo, traballar a coordinación dos membros superiores e inferiores, fomentar o rego sanguíneo mediante o movemento e mitigar as dores articulares propias da idade”, son os principais obxectivos da responsable das actividades físicas.

“O traballo que facemos vese reflectido nos usuarios nunha ganancia de elasticidade articular, de masa muscular, e de forza e resistencia a nivel da musculatura, así coma nunha maior capacidade respiratoria, equilibrio e estabilidade á hora de camiñar”, comenta Susana Seoane.

Por último, na aprendizaxe do uso do ordenador, mestúranse actividades e xogos moi sinxelos, tentando reforzar tamén a comprensión lectora e escrita. “Facemos xogos de palabras encadeadas, ou que empecen por certa letra, que logo teñen que escribir nun procesador de textos, ou realizamos puzzles a través do navegador web, ca axuda do rato”, indica Daniel Ozores.

Reactívate 2018/ Concello de Tomiño

Entre as persoas que asisten ao programa hai máis mulleres que homes e as idades van entre os 60 e os 90 anos. A maioría son persoas xubiladas ou pensionistas que non queren quedarse soas na casa nin perder o contacto ca sociedade.

Manterse ao día, retrasar o envellecemento a base de exercizos de memoria e físicos, axúdanlles a sentirse mellor e facer amizade entre eles. É o caso de Digna Núñez, Celia Gómez, Esperanza Silva, Consuelo Torres, Ana Fernández, José Pérez, Isabel Ramírez, José Antonio García e a súa nai, Angelita Álvarez, entre outros.

A maioría deles asegura que lles gusta facer de todo un pouco, aínda que hai varios que se quedan coa informática coma actividade preferida. Algúns teñen ordenador na casa e practican o que aprenden en clase.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Interceptado un mergullador sen os equipos obrigatorios e sen licenza de pesca

A Policía Local interceptou o pasado martes en Vigo a un mergullador que non...