O intento de curar aos indíxenas amazónicos a “cegueira dos ríos”, nunha exposición da Guarda

"Raíces Celtas na Amazonía venezolana"/ Xornal de Vigo

A partires deste martes día 21 de agosto, a Sala de Exposicións do Centro Cultural
da Guarda acolle a mostra «Raíces celtas en la Amazonía venezolana» de Oscar Noya-Alarcón.

Nesta mostra, os visitantes poderán apreciar fotografías en cor que amosan o traballo en
operacións de asistencia sanitaria a comunidades indíxenas illadas, sobre todo poboacións «yanomamis» da Amazonía venezolana.

O Doutor Oscar Noya-Alarcón, venezolano e español de descendencia guardesa, é un
médico parasitólogo do Centro Amazónico de Investigación e Control de enfermidades
tropicais asociado ao Instituto de Medicina tropical.

Traballa dende hai 10 anos no Programa de eliminación de oncocercosis no foco sur de Venezuela, último reduto no continente americano (xunto con Brasil) dunha enfermidade parasitaria que envellece a pel e deixa cegas ás persoas.  O grupo de traballo de saúde asiste a máis de 350 comunidades indíxenas de difícil acceso na selva, atendendo a máis de 16.000 persoas.

Estas 17 fotografías de elementos humanos e naturais da Amazonía venezolana son parte
do escenario onde se desenrola este importante traballo de eliminación da enfermidade
no continente americano, e de mellora dos indicadores de saúde, partindo do respecto
das culturas que alí habitan e resgardando o medio ambiente.

Na época colonial, introducíronse xunto cos escravos moitas enfermidades infecciosas, entre elas a oncocercosis, unha parasitosis que produce un envellecemento prematuro da pel e que ten a súa peor consecuencia na diminución da agudeza visual que pode chegar ata a cegueira irreversible, por isto esta enfermidade tamén é chamada a cegueira dos ríos.

Esta enfermidade introduciuse en seis países de América, México, Guatemala, Colombia, Ecuador, Brasil e Venezuela, e xa está eliminada na case totalidade dos países, quedando só un foco desta oncocecosis entre a selva amazónica de Brasil e Venezuela, afectando a poboacións indíxenas yanomami, Yekwana e hoti.

Dentro do Programa Nacional de Eliminación de Oncocercosis en Venezuela, cóntase cun
equipo de traballo composto por médicos, biólogos, técnicos de oncocercosis e entomólogos que día a día buscan a maneira de abordar as máis de 350 comunidades indíxenas afectadas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here