Dúas mozas da Guarda, de éxito en éxito co seu proxecto ‘Skeirrum’

Trátase dun xogo que ofrece experiencias personalizadas para promover o patrimonio e a cultura a través da combinación de dous conceptos moi coñecidos: os xogos de procura do tesouro e as escape rooms.

Erea Rodríguez e Cintia Lomba son amigas desde a infancia, e comparten a súa paixón polos xogos de enxeño e aventura. E esa é, sen dúbida, unha das claves do éxito de Skeirrum, o proxecto empresarial creado ao abeiro da USC que conseguiu situarse entre os máis valorados de Europa. De feito, as creadoras veñen de gañar o segundo premio do VIII Encontro Internacional de Mozos Emprendedores 2022, celebrado a principios de abril en Zamora, e o segundo premio na iniciativa Revolta Rural, celebrada este fin de semana no pazo de San Tomé de Mondoñedo.

Estes premios servirán ás mozas guardesas para terminar de poñer en marcha o seu proxecto empresarial, unha orixinal combinación dos famosos xogos de procura do tesouro e as coñecidas como ‘Escape Rooms’, pero con dúas particularidades especiais: Skeirrum está deseñado para poder ser utilizado a través dunha APP específica, que permite converter cada xogo nunha nova aventura, e ademais, está exposto para poder desenvolverse en calquera contorna, tanto ao aire libre como en espazos pechados.

O servizo funciona a través dunha aplicación web para smartphones á que se accede mediante códigos QR. Esta experiencia pódese adaptar a calquera lugar: pobos, parques naturais, rutas de sendeirismo, cidades, museos… Desta maneira, o xogo permite poñer en valor todos aqueles recursos que ofrece o territorio ou desenvolver calquera tipo de temática: día da muller, cambio climático…

O proxecto está na última fase do desenvolvemento e nas próximas semanas lanzarase a fase beta, segundo explican nunha nota. Mentres tanto, as autoras están a facer un percorrido de promoción en distintos eventos para emprendedores cun éxito relevante.

Para elaborar un Street Escape, Cintia e Erea, crean un percorrido interactivo onde narran unha aventura no contexto da historia e cultura dos lugares, facendo referencia aos elementos etnográficos, arquitectónicos e patrimoniais, con referencias a temáticas de igualdade de xénero ou outras que se queiran abordar, por exemplo, os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

Skeirrum ten o dobre obxectivo de divertir e difundir coñecemento a través do xogo, ‘gamificando’ o patrimonio, a cultura, a natureza ou outro ámbito ou temática que se nos poida ocorrer.

DÚAS MOZAS GALEGAS CUNHA IDEA DIFERENTE

Erea Rodríguez e Cintia Lomba naceron na Guarda, e, aínda que a súa formación profesional é moi diferente -Cintia é música e Erea graduada en químicas-, ambas comparten a súa paixón polos xogos de enxeño e aventura.

Foi precisamente así como naceu o seu proxecto Skeirrum, ao comprobar que existía un importante campo de promoción turística, patrimonial e cultural por explorar dentro deste ámbito. “Démonos conta de que hai unha forte desvinculación da poboación nova coas tradicións, a cultura e o patrimonio que a rodea. Queremos fomentalos dunha maneira innovadora”, explican as creadoras do proxecto.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here