InicioDeportesJulia Vaquero, atleta olímpica: "Non son superior a ninguén por ter determinado...

Julia Vaquero, atleta olímpica: “Non son superior a ninguén por ter determinado récord”

PUBLICADO O

A Julia Vaquero aburríanlle os deportes colectivos. Non quería esperar por ninguén: “Eu necesitaba comezar unha cousa e acabala, sen depender dun equipo”. Por sorte, varios profesores animárona a correr.

A atleta olímpica mostra aínda hoxe a súa admiración por estes mestres, cada vez máis raras excepcións, que facían por pura paixón un traballo non remunerado, atraer alumnos e alumnas ata as probas atléticas. A primeira carreira de Julia foi aos nove anos, no Monte Tecla. Gañouna, pero a morte de seu pai uns anos máis tarde provocou que abandonase o deporte: “eran épocas nas que non se tiñan en conta aos psicólogos, e desmoraliceime totalmente”, recoñece.

Pero algo despois, sen saber a razón concreta, e para gran sorte do noso atletismo, regresou, gañando os campionatos provincial, o local e o galego. Aínda non seguía un sistema de adestramento, soamente saía a correr desde a súa casa.

“parecía unha lanzadora ao lado das demais”

Tras aquelas vitorias, varios adestradores tentaron captala. Convenceuna un raparigo de dezasete anos, que converteríase no seu marido anos despois. Chamou á porta, e asegurou a Julia que o mellor adestrador era Alfonso Ortega.

Julia valora a labor de Ortega: “Foi cauto. O importante non era sobresaír en categorías inferiores, senón ir progresando e empregarse a fondo en sénior, cando o corpo xa non estivera mudando. Cando quedei campioa de España escolar por vez primeira, parecía unha lanzadora ao lado das demais. Os adestramentos foron trocando todo iso, e quedei coma unha ximnasta rítmica”.

 

Empregándose a fondo tamén no cross / Getty images

As cousas complicáronse para ela cando foi estudar Educación Física á Coruña. Adestraba nun camiño de 3 quilómetros, dos para correr rápido só valían 500 metros. Foi esgotador: “Non tiña coche, e non había outro sitio na zona. Xa non entendo como terminaba as series de mil metros alí, facendo xiros de 180 grados. Estiven 5 anos, o primeiro paseino moi mal. Porque era responsable e perfeccionista, e quería facelo ver en todo, ser boa correndo, boa nos estudos, non destacaba suficiente”.

Naquel lugar, adestrando en soidade, incluso pasaba medo: “Só había catro casas. Era o único camiño sen asfaltar. De feito, cruzaba os dedos para terminar a carreira universitaria antes de que o asfaltaran todo, vía como facían novas urbanizacións e asustábame”.

a decepción dos xogos de barcelona

Terminou a carreira con boas notas, pero saturada. Chegou a dar clase en Vigo, comprobando que a responsabilidade da docencia esgotábaa máis que o estudo. Non podía compaxinar, e decidiuse polo atletismo.

Quedara a dous segundos da mínima para os Xogos Olímpicos de Barcelona, o cal supuxera unha gran decepción para ela. Este “fracaso” derrotouna e pensou en tirar a toalla. Pero era moi competitiva como para renderse. Xa levaba o deporte dentro.

Así que pasaron dúas semanas e volveu con máis forza ca nunca, adestrando en Vigo e movéndose xa en competicións de nivel internacional. O 96 foi o mellor ano para ela. Estableceu o récord de España de 3.000 e 5.000, aínda non superado 22 anos despois. Uns logros que explican que hoxe unha carreira leve seu nome, e os homenaxes e exposicións no seu pobo (A Gándara).

Julia Vaquero, en competición / Ricardo Gutiérrez

A súa experiencia nos Xogos Olímpicos de Atlanta (1996), foi para ela unha experiencia positiva e negativa, vítima da súa propia esixencia consigo mesma: “Había outros adestradores que gritaban, incluso insultaban aos seus atletas. Ortega nunca tivo que dicirme nada, e se falaba era con boas palabras. Eu mesma xa sabía cando o facía mal, xa me enfadaba eu…”

Julia sentía unha responsabilidade moi grande, porque viña de establecer o récord de España de 5.000 en Oslo: “E xa colgaban a medalla. Iso poñíame moi nerviosa. Cando chegamos a Atlanta foi horrible, o impacto de saír do avión e atoparte nun clima tan cargado. Humidade, moito calor… Xa saímos con días de antelación para adaptarnos. Fomos rodar un pouco o primeiro día, e eu púxenme a correr moi rápido polos nervios. Penso que me pasou factura”.

“fixera máis do que podía, pero foi unha gran decepción”

Foron días difíciles: “Aínda puxéronme máis peso enriba cando chaman e din que na Guardia puxeran pancartas e pantallas para verme. Iso fundiume. Pasei as semifinais ben, pero na final non estaba en condicións, e púxenme a tirar sen ter forzas para ilo. Logo pasáronme e só puiden ser novena, chegando á meta desfeita. Leváronme en padiola, tiña dificultades para andar. Dérao todo. Fixera máis do que podía, pero foi unha gran decepción. Esperaba estar entre as 5 primeiras”.

Saíulle mellor o mundial de Sevilla no 99: “Porque estivera lesionada e ninguén esperaba nada de min. Saín forte, Ortega pensaba que ía pinchar. Pero non, baixei de 15. Quedei sexta ou sétima, levantei as mans coma se gañara”.

Pero pouco máis tarde chegaba a súa retirada. Sentía a presión de seus propios logros, tan numerosos, sentindo que obrigaban a repetilos, estar ao mesmo nivel todos os anos, sempre entre as mellores: “Os demais acostúmanse a que estes arriba. E dende pequena, un suficiente era fatal, tiña que sacar de notable para adiante”.

 

Julia Vaquero / Fame Celeste

Non quería decepcionar á xente. Ao final, terminou por poñerse nerviosa non só nas competicións, tamén nas xornadas de adestramento: “Había carreiras que saía e xa pensaba en retirarme. Recordo abandonar nun cross a 300 metros da chegada”.

Agora a vida cambiou moito para esta grandísima atleta, das mellores deportistas que deu Galicia. Non chegou a traballar nunca trala súa retirada do atletismo, do que leva moitos anos desconectada: cando me retirei, sabía que os rapaces que exercían estaban moito máis preparados ca min. Non me sinto segura”.

“o atletismo non cotiza á seguridade social”

Sofre depresión, o cal xa reflexou nos medios, nun intento de romper con certos estigmas sociais: A xente esconde incluso que vai ao psicólogo, para que non a cataloguen. E hai quen nin entende que alguén poida ter baixóns. Cando declarei por primeira vez en prensa a enfermidade que sufro, algunhas persoas puxéronse en contacto comigo, confesáronme que non as entendían na súa propia casa, que había días que non tiñan forzas de facer nada”.

Ás veces arrepíntese de telo confesado, pero tamén alégrase de axudar a que a xente entenda que “non somos estraños nin raros. Claro que hai grados, pero eu estou medicada e non se me nota”.

Agora percibe unha pensión moi escasa: O atletismo non cotiza á Seguridade Social, teñen que cambiar a Lei do Deporte. Por suposto, a min xa non me vai tocar”.

 

No Campionato de Europa de Cross de 1996 / Vida atlética de Galicia

A carga de adestramentos que acumulou o seu corpo, sumada ao potente tratamento, supoñen unha carga dura: “A Guarda é moi húmida, fai frío. Quedan secuelas de dor nos cuadríceps, as medicacións déixanche adormecida. Agacharme e levantarme cústame. Acusas máis o tempo, os cambios de estación, ás veces quítanseme as gañas de comer porque os nervios van ao estómago. Quedoume legado de todo o esforzo que fixen, nos xeonllos, nos pés. Un é máis corto e o outro máis longo, e o corto o teño esnaquizado, case sen uñas, golpeábanme as zapatillas”.

E asegura que todo seu perfeccionismo pasado desapareceu. Unha esixencia que considera indispensable para triunfar neste deporte: “Por moito que poñas a unha persoa a correr, non vai conseguir nada se non ten ansia de competir. Non vale ser mediocre”.

“axudoume moito o feito de vir dunha familia humilde”

Desexos de perfección que quizais tiveran parte da culpa, tanto nos seus éxitos como na súa retirada: Toda a miña vida foi unha competición. As notas, as becas. Ofrecéronme ir a Minnesota e non a quixen. Vivir nun lugar coma a Blume, só atletismo… parecíame unha cárcere. Explotei e tíveno que deixar aos 30. Estaba farta de sufrir, aparteime de todo. Xa non quero saber nada do atletismo. A vida que levei era de moito estrés, e algunhas feridas da miña infancia non curaron”.

Moita xente, de Galicia e fóra dela, admírana, ela admira a esa outra xente, os albaneis, os oficinistas:Non me farto de dicir que era un traballo coma calquera outro, simplemente tiña as condicións. Axudoume moito o feito de vir dunha familia humilde, con carencias económicas, nunha casa moi antiga sen baño nin as condicións necesarias para vivir. Iso foi sufrimento, tamén a morte de meu pai, traballei nas leiras, todo dáche unha capacidade. Tamén nacín cunha forma de ser esixente, de querer ser a mellor. Estiven arriba, gañei moitos cartos, agora estou abaixo, pero estou acostumada a vivir con pouco, non é traumático. Do malo ao bo lévase ben, do bo para o malo custa algo máis”.

Nin sequera recorda moitas das súas marcas: “Non son superior a ninguén, non son máis por ter determinado récord. Nese momento estiven nunha nube. Xa baixei á terra. Foi o meu traballo, no que sobresaín, e nada máis. Cada un ten as súas capacidades e actitudes, é unha cadea. Os deportistas, sen os que escriben de nos, non teríamos voz”.

Esta atleta excepcional continúa mostrando o seu tesón, esta vez contra a enfermidade: “Houbo un ano no que me rebelei das pastillas… Estiven 3 meses na cama sen poder case moverme nin levantarme, sen poder case coller o teléfono, pensaba que morría. Sempre digo que síntome vella aos 47 anos, comparada coa xente da miña idade. Se un día fago un esforzo, ao seguinte o noto, iso desmoraliza. O outro día vin a un antigo alcalde, de case 90 anos. O encontrei incriblemente áxil. Dicía que acababa de vir dun safari”.

Julia considera, sen dúbida algunha, e máis aló do que digan os analistas deportivos, que a súa vitoria máis importante ata agora é súa filla: “Coa súa intelixencia, a súa personalidade, a súa alegría e compañía, que fan a miña vida máis levadía. É o meu motivo para levantarme cada día”.

 

MÁIS ENTREVISTAS

Entrevista a Carlos Adán (medio fondo e fondo)

Entrevista a David Gómez (Decathlon)

Entrevista a Estela Estevez (medio fondo e fondo)

 

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...