Os robots de competición e a realidade virtual chegan á Guarda coa Feira de Emprego “Tecnomaxín”

Robots na Feira Tecnomaxín/ Concello da Guarda

A Casa dos Alonsos da Guarda acolle este venres a segunda xornada da Feira do Emprego e Formación «Tecnoimaxín», que contará esta xornada cunha Feira Maker con exhibicións de robótica e varias charlas.

De 10:00h a 12:00h realizarase a Feira Maker, onde os asistentes poderán coñecer todas as novidades sobre novas tecnoloxías e robótica da man de expertos do sector, grazas a conferencias e exhibicións, que contarán coas intervencións de Manuel Rodríguez, técnico de hardware de OPRobots e Alejandro Santos, técnico de Software de OPRobots.

A Conferencia de OPRObots estará enfocada á robótica de competición, onde explicarán aos presentes como é o seu traballo e como aprenden día a día a facer cousas novas enfrontándose aos mellores enxeñeiros do país.

OPRobots exporá as súas creacións amosando como é o seu funcionamento, fomentando a creatividade e innovación a través dos robots de competición en catro estilos. Os velocistas son robots autónomos que seguen unha liña tentando ser máis rápidos que os seus rivais.

Por outra banda, os humanoides son robots teleoperados con forma humana que loitan nun ring tentando derribar ao seu adversario. Na modalidade de Laberinto robots autónomos teñen que buscar a saída coa única axuda das paredes que os rodean, e en Minisumo dous robots autónomos, situados nun doyho, deben xuntarse e pelexar para sacar ao seu rival do círculo.

Ás 12:30h está prevista a realización dunha charla a cargo de Óscar Rodríguez, Coordinador xeral de Ledisson Ait, programación robótica, sobre «A disrupción laboral: unha verdade incómoda».

Nesta charla Óscar tentará trasmitir aos presentes a visión holística, fundamentada na experiencia de LedissonAit como empresa tecnolóxica, sobre o que está a acontecer e sucederá proximamente no mundo laboral coa inminente entrada dos algoritmos, as Ias e a robótica nos entornos de traballo.

Neste senso centrarase en “como ser máis competitivo e empleable que un robot”, potenciando habilidades que nos  caracterizan como humanos que que son as máis buscadas hoxe en día nas empresas tecnolóxicas.

Campionato de Final Fantasy/ Photopin

Trala pausa da comida, ás 16:00h Emilia Simao e Samuel Barbosa, profesores de multimedia e arte da Escola Superior Gallaecia falarán sobre «Tecnoloxía vs Arte – Video 360º».

O vídeo 360/VR imponse na actualidade de xeito gradual nos medios de comunicación dixital, cunha gran promoción e aceptación nas plataformas de difusión de vídeos online e mesmo nas redes sociais, polo que os axentes tradicionais de publicidade e do cinema se actualizan para empregar unha experiencia próxima á realidade ofertando a realidade virtual.

Nesta charla explicarase, dende o punto de vista técnico, como se forma a imaxe 360º/VR, coas cámaras e as aplicacións de software existentes na actualidade. De seguido, ás 17:30h Brais Currás e Mar Cortegoso realizarán unha Conferencia/Exhibición sobre «Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico».

O proxecto «Mar de Sal» parte do principio da transferencia científica como medio fundamental para sustentar o desenvolvemento patrimonial. Nesta comunicación farán unha presentación do proxecto e do seus obxectivos, enfocados ao estudo e posta en valor das paisaxes do sal da antigüidade como un recurso patrimonial ao servizo da cidadanía e do desenvolvemento, económico, turístico e sociocultural.

Igualmente tratarán da capacidade de transferencia do estudo das salinas antigas e das novas oportunidades de negocio que pode crear. A Feira do Emprego e Formación «Tecnoimaxín» chega un ano máis á Guarda para desenvolver unha ampla programación de actividades ao longo de 3 días, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño.

O proxecto conta cunha páxina web na que se irá ampliando informacións de interese sobre este Feira do Emprego e Formación, que aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here