A nova escola infantil da Guarda, privatizada “ás agachadas”

A Xunta prevé adxudicar a xestión do edificio público a unha empresa privada, segundo detalla a CIG.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez / Xoán Crespo - Xunta de Galicia.

Nova denuncia da CIG ante a xestión educativa da administración autonómica. A Confederación Intersindical Galega vén de denunciar publicamente o convenio de colaboración establecido entre o Concello da Guarda e a Consellaría de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en xuño de 2020, para a construción dunha escola infantil de 0 a 3 anos, de tres unidades e 41 prazas.

Segundo explican dende o sindicato, a escola infantil de A Guarda ten previsto comezar a actividade en setembro, co inicio do curso 2022/2023. Acontece que, de acordo coas mesmas fontes, o labor docente podería desenvolverse cunha xestión indirecta e sen persoal propio.

“Ás agachadas, o Consorcio publicou o día 26 de abril no seu web a licitación do servizo de atención educativa, que non é nin máis nin menos que a xestión privada deste centro, construído con fondos públicos no espazo publico municipal que son as antigas instalacións do comedor e vivenda do profesorado dun colexio público”.

Acontece así que á empresa que se lle adxudique a xestión e poida desenvolver o labor docente non tería que investir capital nin infraestrutura para prestar o servizo. Así o apunta a CIG:  “garánteselle unha cifra de negocio e de beneficio sen ningunha exposición ao risco empresarial”. “Será chegar e encher”, detallan dende o sindicato, que apuntan a “beneficios a costa dun servizo publico subvencionado”.

Fronte á xestión do Consorcio e a Xunta de Galicia, a CIG insiste na defensa da xestión directa dos servizos educativos para que estes sigan a ser “integramente públicos, dende a atención educativa ata a limpeza e os comedores”. En conscuencia, esixen a suspensión desta licitación e que se dote “de inmediato” esta escola infantil con persoal propio.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here