Estas son as películas que poderás ver na nova edición do Play-Doc en Tui

Estarán presentes os últimos traballos de Oliver Laxe, Lois Patiño, Diana Toucedo o Lucía Estévez, entre moitos outros.

Cinema doméstico nos Play-Doc de Tui

O vindeiro mércores, 4 de maio, comezará a 18ª edición do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc. O co-fundador e Director Executivo do festival, Ángel Sánchez, presentou este venres os contidos principais da programación así como os títulos das películas galegas que se poderán ver no certame. Fíxoo acompañado pola Directora Artística, Sara García Villanueva, e por representantes institucionais do Concello de Tui, Deputación de Pontevedra e Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Así, Play-Doc ofrecerá unha ampla selección da produción máis recente, con 14 títulos de cineastas de recoñecido prestixio internacional e tamén de novos nomes, que, segundo indican, “demostra unha vez máis a riqueza, variedade e continua efervescencia do cinema galego actual”.

ESTREAS

Nesta selección poderanse ver os últimos traballos, en estrea oficial en Galicia, de Lois Patiño, O sembrador de estrelas (2022), Diana Toucedo, Tatuado nos ollos levamos o pouso (2022), Carla Andrade, Ningún río me protexe de min (2021), Andrés Goteira, Welcome to ma maison (2022), Lucía Estévez, O neno dous paxaros (2021), David Varela, Un ceo impasible (2021), Nerea Barros, Memoria (2021) ou David Vázquez con O último de Arganeo (2022).

Tamén se poderán ver as obras recentes de Oliver Laxe, O futuro é dás cabras (2021), Enar de Deus Liquid Ground (2021), Simone G. Saibene, Escribir o imposible (2021); así como, as películas O que queda (2022) de Alejandro Rodríguez e O ceo é azul cunha soa nube (2021) de Fernando Areal, que será a primeira vez que se proxecten oficialmente, xa que elixiron Play-Doc para realizar as súas estreas mundiais.

Ademais, fóra de competición, Play-Doc abrirá a súa sesión inaugural coa película dirixida por Lois Patiño e Matias Piñeiro, Sycorax, tras a súa estrea mundial na pasada Quincena de Realizadores do Festival Internacional de Cinema de Cannes e que terá a estrea galega no festival de cinema de Tui.

MÚSICA

O festival Play-Doc ofrece, ademais destas e outras películas, máis programación que inclúe tamén mesas redondas e mesmo música en directo. Así, Niño de Elche encabeza o cartel desta décimo oitava edición de Play-Doc, cun espectáculo de música en directo desenvolvido xunto ao músico e compositor Raúl Cantizano e acompañado polas imaxes do cineasta galego Lois Patiño.

Así mesmo, o festival tamén contará coa actuación en directo da banda galega NACHO · FAIA · LAR, formada por tres artistas referentes da vangarda musical galega. Serán os encargados de porlle música á xornada inaugural do festival que terá lugar o vindeiro mércores 4 de maio.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here