Gonzalo Caballero compromete o apoio do PSdeG ás necesidades de Tui

Sinala o corredor do Baixo Miño como unha "materia pendente".

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, durante o encontro mantido este xoves. PSDEG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comprometeu o apoio do PSdeG ás necesidades de educación, sanidade e infraestruturas de Tui se se converte no próximo presidente da Xunta tras as eleccións galegas e marcou o Corredor do Baixo Miño como unha “materia pendente” na zona.

Tras un encontro mantido co alcalde da localidade pontevedresa, Enrique Cabaleiro, Caballero puxo en valor o traballo realizado polo goberno local socialista, que, segundo asegurou, permitiu que Tui “pasase páxina a unha historia de inestabilidades, noticias esperpénticas, cambios e mala xestión municipal”.

Ademais, criticou que, durante os últimos 11 anos, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “prometeu moitas cosas” pero non acometeu proxectos “fundamentais” a cidadanía do municipio.

En concreto, sinalou que Tui precisa unha unidade de saúde mental e reducir as listas de espera nos seus centros de Atención Primaria, así como “paliar as debilidades históricas existentes” no seu Centro histórico. Precisamente, asegurou que o PSdeG dará resposta a estas necesidades se recibe o apoio dos galegos nos comicios autonómicos previstos para este outono.

Así mesmo, o rexedor reclamou ao Goberno galego unha maior “atención” ao patrimonio histórico da localidade e á súa conexión co Camiño Portugués, que a atravesa.

Tamén reprobou que, aínda que o Concello realizou a xestión urbanística de cambio de uso dos terreos necesarios para acoller un centro de día, este aínda non foi construído. Nesta liña, Enrique Cabaleiro denunciou que solicitou un encontro co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que “aínda” non se producipara abordar esta actuación.