InicioSucesosFeijóo, trala explosión en Tui: "Non imos pagar con diñeiro público o...

Feijóo, trala explosión en Tui: “Non imos pagar con diñeiro público o que corresponde a aseguradoras”

O presidente da Xunta visita a zona da catástrofe. Vídeo no interior.

PUBLICADO O

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desprazouse este xoves a Tui, onde tras visitar a zona onde se produciu unha explosión pirotécnica que causou cando menos dous mortos e unha trintena de feridos, confirmou que o arquitecto municipal lle trasladou que “polo menos 60 inmobles serán obxecto de enormes dificultades”.

Ante unha avalancha de xornalistas de medios de toda Galicia e do Estado, Feijóo remarcou que, unha parte das vivendas foron totalmente destruídas “e noutras hai danos que é preciso avaliar, para ver se son máis “estéticos” ou “estruturais”. En todo caso e, a pesar de que aínda non se pode “descartar”, o presidente galego remarcou que “o importante é que non haxa máis vítimas mortais”.

Previamente, o presidente concretou que non se pode avanzar unha contía económica para a orde de axudas porque aínda non se computaron os danos con exactitude, e advertiu, iso si, tras insistir na súa “mensaxe de tranquilidade aos veciños”, que a Xunta “non pagará con diñeiro público o que corresponde a aseguradoras”.

“Supoñemos que a pirotécnica tiña seguro de responsabilidade patrimonial e probablemente outras persoas con casas danadas ou destruídas, tamén. Non imos pagar con diñeiro público o que corresponde ás aseguradoras, pero se non hai seguro, se a responsabilidade patrimonial da pirotécnica fose insuficiente, estará a Xunta“, garantiu o presidente.

REALOXOS

En Tui, Feijóo precisou que a liña de financiamento que abrirá a Xunta servirá para axudar a persoas que perdan ou sufran danos nas súas vivendas, pero tamén se cooperará co Concello para axudar ás familias que perdesen a súa vivenda.

“O alcalde confírmame que hai 33 familias afectadas“, relatou, antes de precisar que a maioría foron reacollidas en casas de familiares e media ducia están a cargo dos Servizos Sociais do Concello.

“Co Concello, traballaremos para restablecer a normalidade e para asesorar aos veciños para que cobren os seus seguros”, subliñou o presidente, quen precisou que, “se isto non frutifica”, os cidadáns deben estar tranquilos porque a Xunta asumirá o seu papel.

“Imos aprobar as axudas aos afectados en danos en vivendas para que poidan ser reconstruídas”, sinalou Feijóo, quen na súa intervención trasladou o pésame polos dous falecidos confirmados pola explosión.

Tamén agradeceu o traballo feito polos efectivos sanitarios, forzas de seguridade e efectivos de emerxencias, antes de comprometerse de novo a “axilizar o máximo posible todas as axudas e indemnizacións para rehabilitar as súas vivendas”.

O presidente da Xunta comprometeuse “a non abandonar” a Tui, tras comprobar “danos superiores” ao “previsto” polo Executivo autonómico. “Dixémoslle ao alcalde que esta Administración vai estar aquí, que non vai abandonar a situación”, sentenciou o presidente galego, que se desprazou após a reunión semanal do Goberno.

Ao tempo, reafirmouse en que é “imprescindible” esclarecer “todas e cada unha das circunstancias” nas que se produciu a explosión, para o que apuntou ao traballo das forzas de seguridade e ao xulgado.

Finalmente, incidiu na necesidade de lanzar unha mensaxe de “tranquilidade” aos cidadáns, aínda que non se pode dicir que en Galicia “haxa unha alarma” polas instalacións pirotécnicas (concretou que hai 19 en Galicia). En todo caso, concretou que se farán revisións e apelou á colaboración cidadá.

Do mesmo xeito, preguntado acerca de se hai algún primeiro cálculo da cantidade de explosivos que había no lugar da explosión, replicou que esta cuestión “corresponde” determinalo á Garda Civil.

 

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...