A fotos que falan: o mar tamén ten mulleres

A Guarda acolleu este xoves a presentación dunha mostra fotográfica que pretende ser unha homenaxe a todas as mulleres que realizaron labores no mar e que constitúen unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo do século XX.

Traballadoras de Massó no molle de descarga da baleeira | Cangas, 1960 Cedida pola Asociación Cultural A Cepa

O mar tamén ten mulleres é unha mostra de fotografías que vén de presentarse este xoves e que está promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais da Guarda. O obxectivo desta actividade é visibilizar o traballo das mulleres que dedicaron a súa vida ás tarefas do mar no territorio do GALP 7, que abrangue os concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.

Na presentación participaron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Presidenta da Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (ANMUPESCA), Rita Míguez de la Iglesia; e a Patrona maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda e membro da xunta directiva do Galp Ría de Vigo – A Guarda, Silvia Crespo. Esta última explicou que as fotografías desta instalación “constitúen unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo do século XX e axúdannos a contar a historia completa, incluíndo a de aquelas que realizaron labores non remuneradas e que compaxinaron o coidado das familias co mantemento dos aparellos de pesca ou o restrelo dos areais”. Crespo engadiu que “esta é unha mostra de mulleres que fixeron e fan equilibrios coa patela na cabeza, contada a través de fotografías analóxicas de autores diversos, tomadas ao longo de 100 anos e 130 kilómetros de costa atlántica”.

Lolita e Carmucha levando o aparello ao barco despois de secar | Cangas, 1960 Cedida pola Asociación Cultural A Cepa

O acto foi conducido pola actriz Marta Pérez, directora de Inversa Teatro, que lembrou que “a industria pesqueira en Galicia está en débeda co rol e traballo desenvolvido polas mulleres no mar” e que é de xustiza que “as administraciónns recoñezan esta realidade con mostras como a que hoxe se presenta, porque é necesario crear referentes para que nas xeracións vindeiras academos a igualdade real”.

HOMENAXE A TODAS AS MULLERES ANÓNIMAS DO MAR
 
O mar tamén ten mulleres recolle a historia das mariscadoras, as redeiras, as carrexonas, as percebeiras, as peixeiras, as traballadoras da salga e a conserva, as bateeiras e de todas as mulleres do mar. Todas elas foron protagonistas do seu tempo e tamén o son agora desta exposición que recupera as sabenzas de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo e renderlles homenaxe ao rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica.

A exposición presentada este xoves foi elaborada tras unha intensa recollida de achegas individuais e cesións de diversos arquivos. Recolléronse case 150 fotos das que foron seleccionadas 30 para formar parte da instalación e do catálogo online, que pode consultarse na web do Galp 7. Con todas as fotografías recibidas elaborouse tamén un vídeo que se proxectará en continuo durante a mostra, que poderá visitarse entre o 11 e o 14 de xullo no Pavillón do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais, instalado no porto da Guarda. O mar tamén ten mulleres é un proxecto itinerante que percorrerá durante os próximos meses outros lugares do territorio do Galp 7.

Mariscadoras anciñando a area | Moaña
Cedida polo Museo do Mar de Galicia e e Asociación de Mariscadoras de Moaña

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar, responsable de aplicar a estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) no seu territorio, que se estende por un total de once concellos que definen os límites terrestres das rías de Vigo e de Baiona. Este GALP encárgase de xestionar e controlar as axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o desenvolvemento desta estratexia no período 2014-2020. Os seus obxectivos son o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here