Veciños de Paramos lembrarán este xoves aos falecidos e damnificados pola explosión de hai un ano

Na explosión morreu un matrimonio de orixe magrebí.

As autoridades visitan as ruínas de Paramos / Miguel Núñez

A ‘zona cero’ da parroquia de Paramos, en Tui (Pontevedra), será escenario este xoves dunha homenaxe aos falecidos e damnificados pola explosión dun almacén ilegal de material pirotécnico, coincidindo co primeiro aniversario da traxedia.

O acto dará comezo ás 16,23 horas, xusto no momento en que se cumprirá un ano desde que unha enorme explosión esnaquizou vivendas, viarias e leiras, e custou a vida a un matrimonio de orixe marroquí, ademais de causar decenas de feridos.

A asociación de afectados organizou unha ofrenda floral e a lectura dun breve texto, tamén en árabe. Así mesmo, para “simbolizar a unión” dos veciños e “o rexurdir” desta pequena aldea, plantarase un carballo e lerase un segundo comunicado de agradecemento “pola solidariedade recibida”.

O 23 de maio de 2018, ás 16,23 horas, un almacén clandestino de material pirotécnico explotou nun alpendre dunha vivenda en Paramos. A onda expansiva destruíu totalmente ou causou danos severos en decenas de vivendas, ademais doutros danos menores en casas e propiedades por centos de metros á redonda. Como consecuencia desas desfeitas, un matrimonio perdeu a vida, atrapado baixo os cascotes da súa vivenda.

A investigación dos feitos determinou a detención e ingreso en prisión provisional de Francisco G.L., dono dunha pirotecnia situada noutra parroquia de Tui, e suposto responsable dese almacén ilegal de explosivos en Paramos, ademais do doutros dous almacéns clandestinos localizados días despois pola Garda Civil.

Tras a catástrofe, Concello e Xunta puxeron en marcha liñas de axudas aos afectados, ademais dunha oficina de atención, e o Goberno de España declarou Paramos como zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil.

Case un ano despois da explosión, a principios de maio deste ano, reabríronse ao tráfico os viarios no barrio afectado para facilitar a reconstrución das vivendas e o acceso dos veciños. O Concello de Tui recibiu unha vintena de solicitudes de licenza para esas reconstrucións, das que 9 foron outorgadas, e o resto séguense tramitando.