Piden 14 anos de cárcere para un acusado de violar a unha muller no exterior dunha discoteca en Tui

Violencia machista / Macnolete en Flickr www.flickr.com/photos/macnolete/2599959533

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra celebra este venres un xuízo contra un home acusado de violar a unha muller nunha rúa sen saída próximo a unha discoteca no concello pontevedrés de Tui, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A causa procede do Xulgado de Instrución número 2 de Tui e, polos feitos que se lle imputan, a Fiscalía pide unha pena de 14 anos de prisión por un delito de agresión sexual e un delito leve de lesións.

O Ministerio Fiscal tamén reclama a prohibición de aproximarse á vítima, ao seu domicilio, ao seu lugar de traballo ou a calquera outro sitio frecuentado por ela a unha distancia inferior a 500 metros ou de comunicarse con ela por calquera medio, directo ou indirecto, por tempo de dez anos.

Así mesmo, o acusado, por responsabilidade civil, terá que indemnizar á muller con 9.000 euros polos danos morais inherentes ao acto de violación cometido e con 150 euros polos días de curación das súas lesións. Polo delito leve de lesións, Fiscalía pide unha pena de tres meses de multa cunha cota diaria de nove euros.

FEITOS

Segundo relata no seu escrito de cualificación o Ministerio Público, o acusado, na madrugada do 4 de decembro de 2016, dirixiuse á vítima desde o interior ao exterior dunha discoteca na localidade de Tui.

Unha vez fóra, o home propúxolle á muller afastarse algo máis da discoteca, ao que ela non accedeu, reaccionando o acusado suxeitándoa polo brazo dereito e tirando dela, “aproveitando que ela se atopaba baixo a influencia do alcol que esa noite inxerira e polo que sentía mareada chegando nese momento a perder o equilibrio e caer ao chan”.

Así, o acusado levouna a un canellón sen saída próximo á discoteca e propúxolle manter unha relación sexual con penetración, ao que a vítima negouse, entón o acusado pediulle que lle fixese unha felación, ao que ela accedeu, polo que se agachou.

“Momento que aproveitou o home para empuxar á muller fortemente polos ombreiros facéndoa caer ao chan de costas, púxose sobre ela, e aproveitando o seu decaimiento físico consecuencia da previa inxesta de alcol e a súa curta idade e con ánimo de satisfacer as súas necesidades sexuais, cunha man rompeulle e arrincou o pantalón curto e as medias que levaba“, explica Fiscalía.

Desta maneira, mentres cunha man tapáballe a boca, penetrouna vaxinalmente, chegando a losqueala en varias ocasións e a cuspirlle na cara, todo mentres ela pedía que parase e tentaba incorporarse sen éxito “debido á forte presión física exercida sobre ela polo acusado”.