InicioEconomíaTraballadores de limpeza en Stellantis comezan o luns unha folga indefinida ante...

Traballadores de limpeza en Stellantis comezan o luns unha folga indefinida ante a intención de cambio de convenio

Os sindicatos culpan a Stellantis de querer reducir os seus custos a consta das condicións dos empregados. A empresa di que "realizou innumerables esforzos" para manter a situación laboral.

PUBLICADO O

Traballadores de Grupo Urbano Bernabé, subcontrata encargada da limpeza da fábrica viguesa do grupo automobilístico Stellantis, comezarán o vindeiro luns, día 3 de outubro, unha folga indefinida ante a intención da compañía de cambiarlles de convenio colectivo.

Tal como lamentaron este venres en rolda de prensa os representantes sindicais, esta convocatoria ten a súa orixe na intención “explícita e unilateral” da empresa de “desposuír” aos traballadores do convenio provincial de limpeza de Pontevedra, ao cal levan adscritos desde 1987, e aplicar o convenio de transporte de mercadoría por estrada, “que nada ten que ver cos seus labores e que supón unha grave precarización en materia económica, social e de estabilidade no emprego”.

Neste sentido, lamentaron que ademais de que o novo convenio suporía unha redución do salario, tamén implicaría a eliminación da subrogación dos traballadores no caso de que sexa outra empresa a que preste o servizo de limpeza en Stellantis Vigo.

O convenio de transporte non ten subrogación. Quen nos di a nós que cando Urbano se vaia dentro dun ano, vai vir outra empresa e vai coller ese convenio de transporte que non ten subrogación e manda a 50 e tantos á rúa? Iso non nolos pode garantir ninguén, porque por lei estarían na rúa”, lamentou Transi Fernández, secretaria nacional de CIG-Servizos.

Fernández reivindicou que os traballadores levan 30 anos co convenio colectivo da limpeza, polo que culpou a Stellantis de querer reducir os seus custos a consta das condicións dos empregados. Por iso, as tres centrais sindicais do comité de empresa (CXT, CIG e UGT) convocaron a folga indefinida.

Na mesma liña falou Alberto Branco, presidente do comité do Grupo UB (CXT), quen asegurou que os empregados da limpeza non realizan ningunha tarefa de transportes e seguen realizando o mesmo traballo que hai 30 anos, polo que non entenden outro motivo do cambio do convenio que non sexa o de precarizar o servizo.

Santos Sánchez, de UGT, criticou que Stellantis pretenda “abaratar custos” e “precarizar o traballo”, lembrando que o convenio colectivo dos traballadores da limpeza de Pontevedra é un dos mellores do sector en España, tras “anos e anos” de loita polos seus dereitos, motivo polo cal, segundo dixo, quérese modificar. “Evidentemente, non lles gusta que os traballadores da limpeza desta factoría teñan un salario digno”, sentenciou.

RESPOSTA DA EMPRESA

Pola súa banda, fontes da empesa aseguran que, “co fin de manter a paz social”, veu mantendo as condicións salariais e de xornada do Convenio Colectivo Limpeza de Edificios e Locais (anterior aplicable ao persoal) “sen prexuízo de entender que o convenio colectivo aplicable á actividade é a de Transporte de Mercadorías”. “Realizaronse innumerables esforzos de lograr achegar posturas coa representación social. Non son certas, por tanto, as acusacións vertidas por parte da representación legal dos traballadores”, indica en declaracións a Xornal de Vigo.

Así, aseguran que non se alterou ningunha condición dos traballadores da anterior contrata, senón que UB respecta a xornada anual e condicións salariais que viñan gozando con anterioridade e non se modificou o Convenio Aplicable, senón que continúa aplicándose o Convenio Colectivo Limpeza de Edificios e Locais de Vigo. “As alegacións contidas no preaviso de folga resultan, por tanto, infundadas e, sen dúbida, resultarían desproporcionadas en relación cos prexuízos que causaría unha folga indefinida como a convocada”, conclúen.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...