O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, avalou a política de equipaxe de cabina da compañía aérea Ryanair ao rexeitar unha demanda presentada por dous pasaxeiros aos que a aerolínea cobrou 91,98 euros por superar o límite de volume contratado.
Os demandantes contrataron para un voo entre Ponta Delgada (Portugal) e Porto (Portugal) en setembro de 2021 un servizo adicional á tarifa estándar para poder transportar en cabina dous vultos: un bolso de man e unha maleta de ata 10 quilos de 55x40x20 centímetros.
Segundo explica a maxistrada na sentenza, os clientes “superaban o volume contratado”, polo que foron requiridos polo persoal da aerolínea ao embarcar para que abonasen 91,98 euros. “A esixencia dese suplemento de facturación por equipaxe, ao tempo do embarque, responde a razóns lóxicas e obxectivas valorables en atención ao seu tamaño, peso e dimensión”, recalcou na sentenza a xuíza.
Ademais, destaca tamén, de acordo coa xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) e do Tribunal Supremo, que “non cabe esixir” ás compañías aéreas que “non limiten aos pasaxeiros a equipaxe de man“: “Son as propias dimensións da cabina do avión e a carga máxima deste as que levan a necesidade de fixar un límite”.
Por todo iso, a xuíza decretou que “non procede” a estimación da demanda presentada en Vigo polos dous viaxeiros –por ser a súa cidade de residencia–, e que non se poderá presentar recurso contra esta sentenza.