InicioPolíticaCaballero critica á Xunta por publicitar o Camiño e non o Nadal...

Caballero critica á Xunta por publicitar o Camiño e non o Nadal nos taxis vigueses

Acusa a Alfonso Rueda de ser un "antivigués".

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, comparou o Xacobeo 21-22 coas luces de Nadal da cidade olívica e volveu a criticar á Xunta, nesta ocasión, por publicitar o Camiño de Santiago nos taxis vigueses.

Durante a súa rolda de prensa diaria, o rexedor decidiu cargar contra o Executivo autonómico por publicitar nos taxis de Vigo “unha festa de Santiago”, referíndose nestes termos ao Ano Santo Xacobeo. A pesar de asegurar que “non se opón” ao Xacobeo, insistiu en que a Xunta debería usar o diñeiro dos vigueses en publicitar as luces de Nadal de Vigo, que atraen a máis persoas “que todo o Camiño de Santiago” e con “tradición histórica con 2.000 anos de Nadal”.

Todo iso un día despois de que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitase Vigo este mércores para presentar a nova campaña publicitaria do Xacobeo 21-22 no medio centenar de taxis da cidade e lamentase que a urbe é a “única cidade” que non ten sinalizado o Camiño de Santiago.

Esta situación prolóngase desde anos atrás. Xa en 2019 a Xunta lamentou as “dificultades” e os “impedimentos” que o Concello puña para sinalizar o Camiño. Naquel momento, Abel Caballero asegurou que Vigo tería “pronto” a súa propia sinalización do Camiño, “acorde” coa cidade, xa que o Goberno galego quería establecer a “oficial”. Tres anos despois destas palabras do alcalde, Vigo continúa sen ter sinalizado o Camiño de Santiago.

CRÍTICAS A RUEDA

Entre outros temas, Caballero lamentou que o vicepresidente do Goberno galego non aproveitase a súa visita a Vigo para “pedir perdón”, despois de que se coñecese que un xulgado de Santiago declarase non conforme a dereito unha resolución da Xunta, na que desestimaba un recurso de alzada interposto pola concesionaria da auga de Vigo ante a imposición de varias sancións relacionadas co control da calidade da auga.

Así mesmo, Abel Caballero aproveitou para dicir que Rueda é un “coñecido antivigués”, porque se manifestou en Pontevedra contra Vigo en contra de que o segundo tribunal mercantil viñese para a cidade. “Que non o esqueza ninguén”, destacou.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...