InicioEconomíaO Goberno central quere impulsar unha industria europea de microchips para evitar...

O Goberno central quere impulsar unha industria europea de microchips para evitar problemas de subministros

Calviño insiste en que as medidas do Executivo buscan "amortecer" o impacto do prezo da enerxía en familias e empresas

PUBLICADO O

O Goberno de España prevé “participar activamente” en “calquera iniciativa” ou estratexia para o despregamento dunha industria europea de microchips, porque ten “empresas e capacidades” para ser parte dese proxecto.

Así o trasladou a vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos e Transición Dixital, Nadia Calviño, en declaracións aos medios durante unha visita á feira Mindtech 2021 que se clausura este xoves en Vigo.

A preguntas dos xornalistas sobre a crise global dos microchips, que puxo en xaque a produción da planta viguesa do grupo Stellantis (que a propia Calviño visita este xoves) e doutras fábricas do sector, a ministra sinalou que, nos últimos meses, constatouse “a enorme dependencia” que a industria española e europea teñen de provedores de microchips doutros países.

Os problemas de aprovisionamento están a causar agora impacto na industria (e tamén nos servizos), e unha das actividades máis afectadas é a automoción, que o Goberno considera “absolutamente prioritaria”. Non en balde, lembrou a ministra, o primeiro PERTE impulsado desde o Goberno é o do vehículo eléctrico e conectado.

Por iso, neste escenario de falta de compoñentes e materias primas, Nadia Calviño subliñou a importancia de que haxa “unha autonomía europea estratéxica na fabricación de microchips”. “Desde España, temos a intención de participar activamente en calquera proxecto estratéxico, en calquera iniciativa de ámbito europeo”, proclamou, e engadiu que o país dispón de “empresas e capacidades” para contruibuir ao despregamento desa industria europea de microchips.

FACTURA DA LUZ

Por outra banda, Calviño referiuse tamén ás medidas do Goberno para rebaixar a factura da luz a cidadáns e empresas, e insistiu en que o Real Decreto trata de “amortecer” o impacto da alza de prezos da enerxía no mercado internacional, unha subida que está a afectar tamén a outros países.

A vicepresidenta económica do Goberno recoñeceu que o prezo da enerxía é unha cuestión “fundamental” para a economía das familias e para a competitividade das empresas e, por iso, tomáronse decisións ante este “fenómeno de alza” de prezos que chega en pleno proceso de transición enerxética.

Temos que asegurarnos de que o custo do proceso non recae só nos cidadáns“, recalcou, e afirmou que o Goberno actuou sobre tres compoñentes da factura: o prezo da enerxía, os custos do funcionamento do sistema e os impostos.

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...